Lorenzana anuncia que a Xunta prevé convocar a finais de ano a selección das empresas e centros tecnolóxicos que serán socios estratéxicos no sector da seguridade, a defensa e o aerospazo

  • Sinala que o obxectivo é mobilizar todo o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia no campo da defensa e as tecnoloxías de aplicación dual, e xerar unha demanda de produtos, sistemas e servizos, seguindo as prioridades marcadas por Europa
  • Destaca que a Comunidade ten capacidade alta para a fabricación do 75 por cento das tipoloxías de compoñentes e servizos que se requiren
  • “Cremos que Galicia está realmente posicionada para poder ser obxectivo de atracción de investimentos neste sector”, subliña

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe a intención da Xunta de convocar a finais de 2025 a primeira convocatoria que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar da súa man para impulsar a industria da seguridade, a defensa e o aeroespazo e que programas conxuntos de investimento se van executar nos vindeiros cinco anos.

Lorenzana clausurou hoxe unha xornada na que se presentou a empresas e entidades vinculadas a estes sectores a estratexia aprobada pola Xunta neste eido para abrir con eles un proceso de diálogo estratéxico, igual que se fixo no seu día para desenvolver o Polo Aeroespacial de Galicia. “Queremos coñecer de primeira man as vosas necesidades reais a curto, medio e longo prazo para adecuar os instrumentos de apoio e investimento que estamos planificando e, deste modo, poder así obter os mellores resultados que permitan impulsar na Comunidade unha industria de seguridade e defensa que englobe, tamén, o sector do aeroespazo”, dixo.

A conselleira apuntou que o obxectivo é mobilizar todo o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia no campo da defensa e as tecnoloxías de aplicación dual e xerar unha demanda importante de produtos, sistemas e servizos, seguindo as prioridades marcadas por Europa. “O que nos pide a Comisión Europea a gobernos e administracións é que traballemos en xerar unha base industrial forte arredor do sector da defensa, que ten que pasar a considerarse non un gasto produtivo senón un investimento estratéxico”.

Ao respecto, destacou que as análises previas que se realizaron para a elaboración desta estratexia conclúen que Galicia ten capacidade alta para a fabricación do 75 por cento das tipoloxías de compoñentes e servizos que se requiren, “o cal dá unha idea das oportunidades que terán as nosas empresas”, resaltou.

Para iso, precisou que se van destinar 183 millóns de euros nos vindeiros cinco anos coa previsión de mobilizar ata 900 millóns de euros, e co obxectivo de atraer cara a estes segmentos de actividade empresas doutros ámbitos estratéxicos como o naval, a automoción, o metal ou as TIC e materializar novos investimentos industriais.

A colaboración público-privada, dixo, vai ser clave. Así, a Xunta vai poñer en marcha convocatorias públicas de Compra Pública Precomercial, seguindo o mesmo modelo que se empregou para o sector aeroespacial, que foi pionero en España: os acordos de asociación. Tamén se crearán consorcios de empresas e centros tecnolóxicos e publicarase este mesmo ano unha primeira convocatoria de axudas específica para facilitar a incorporación de novas empresas ao sector. Xa no plano do financiamento, activarase un Fondo de Investimento en Tecnoloxías Duais en XesGalicia (40 M€) para apoiar proxectos e, dentro da Oficina Económica do Igape, crearase unha área específica de asesoramento empresarial.

Lorenzana concluíu animando ás empresas e centros de coñecemento a que participen  activamente. “Cremos que Galicia está realmente posicionada para poder ser obxectivo de atracción de investimentos neste sector”, subliñou.