- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o instrumento de ordenación deste parque empresarial que permitirá ampliar a súa superficie en preto de 157.000 m² cun investimento superior aos 13 millóns de euros
- A conselleira subliña que “incrementamos nun 82 % a capacidade que ten actualmente o polígono”
- Avanza que o Goberno galego está a traballar xa en medidas que permitan flexibilizar a adquisición do solo empresarial e abaratar o seu prezo
- Na actualidade, a Xunta está a tramitar na provincia de Pontevedra case tres millóns de metros cadrados de solo industrial
A Estrada (Pontevedra), 12 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta traballa xa na licitación do proxecto de expropiación do parque empresarial de Toedo – A Estrada “para iniciar as obras de ampliación no ano 2027”.
Lorenzana mantivo esta mañá na Estrada un encontro con empresarios e empresarias da zona para abordar os pormenores do Plan de Ordenación do Solo Empresarial (Peose) de Toedo aprobado no Consello da Xunta o pasado luns e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Segundo expuxo, permitirá poñer a disposición do tecido produtivo preto de 157.000 m² máis cun investimento superior aos 13 millóns de euros.
Tal e como explicou, con esta ampliación a superficie total bruta do polígono pasará de 190.554 m² a 347.239 m² “polo que incrementamos nun 82 % a capacidade que ten actualmente o polígono,” subliñou. “Queremos adaptar o máximo posible o desenvolvemento do solo ás necesidades reais que teñen os empresarios”, dixo.
Nesta liña, María Jesús Lorenzana insistiu na preocupación do Executivo autonómico polo desenvolvemento industrial naquelas zonas de Galicia, como é o caso da Estrada, nas cales hai demanda e posibilidade de desenvolvemento de solo e tamén en que se “invistan ben o tempo e os cartos para desenvolver polígonos”, sinalou.
Así, aproveitou para explicarlles que neste 2025, o Executivo autonómico puxo en marcha novas figuras de solo empresarial, como é o caso das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) e das Zonas Industriais Rurais (ZIR) que permiten reducir os prazos para o desenvolvemento de solo e que buscan facilitar que a iniciativa privada poida desenvolver áreas empresariais onde existe demanda real por parte dos promotores.
Finalmente a conselleira, avanzou que a Xunta está a traballar xa en medidas que permitan no ano 2026 flexibilizar a adquisición do solo empresarial dispoñible en Galicia e tamén abaratar o seu prezo.
Máis solo empresarial en Pontevedra
Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta de crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial.
No caso da provincia de Pontevedra encóntranse actualmente en tramitación case tres millóns de metros cadrados de solo empresarial. En concreto, trátase do parque empresarial de Fragamoreira (Poio), a ampliación do polígono do Campiño (Pontevedra), o parque de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do Parque empresarial do Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa) e a ampliación da MI da PLISAN (Salvaterra-As Neves). Ademais, tamén se está a tramitar o proxecto de urbanización do polígono industrial de Lalín 2000 e o proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas.