Lorenzana anuncia que as empresas poden participar ata o 22 de setembro no diálogo público aberto para desenvolver a nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo

  • Indica que o Goberno galego quere coñecer de primeira man as necesidades reais das empresas a curto, medio e longo prazo para definir a colaboración público-privada e axeitar os instrumentos de apoio e investimento
  • Lembra que a finais deste 2025 a Xunta publicará a primeira convocatoria que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar da súa man para impulsar a industria da seguridade, a defensa e o aeroespazo en Galicia
  • Precisa que se van destinar 183 millóns de euros ata 2030 coa previsión de mobilizar 900 millóns para atraer cara a estes segmentos de actividade doutros ámbitos como o naval, a automoción, o metal ou as TIC

Nigrán (Pontevedra), 7 de agosto de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recordou hoxe que as empresas e centros xa poden participar na fase de diálogo público coa industria que estará aberta ata o 22 de setembro para desenvolver a nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo de Galicia.

Este proceso de diálogo estratéxico que se abriu o pasado 22 de xullo busca “coñecer os proxectos que ten o tecido empresarial galego nestes ámbitos e ir conformando pouco a pouco os consorcios que cara a finais de ano comezarán a saír”, dixo. A intención do Goberno galego é publicar a finais de 2025 a primeira convocatoria que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento nos vindeiros cinco anos.

Lorenzana visitou esta mañá as instalacións de Delta Vigo Aeroestructuras en Nigrán, unha empresa familiar que na actualidade está presente en sete países en sectores como a defensa, a aeronáutica ou a automoción. “Delta Vigo é unha empresa coa que temos que contar nesta estratexia, xa está instalada en Galicia pero pode atraer máis investimento e máis emprego de calidade na Comunidade e ser o xerme para xerar nova industria” apuntou.

Neste sentido, explicou que o obxectivo é coñecer de primeira man as necesidades reais a curto, medio e longo prazo das empresas para definir a colaboración público-privada e axeitar os instrumentos de apoio e investimento que a Xunta está a planificar para impulsar en Galicia unha industria de seguridade e defensa que englobe tamén ao sector do aeroespazo.

A finalidade é mobilizar todo o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia no campo da defensa e as tecnoloxías de aplicación dual e xerar unha demanda importante de produtos, sistemas e servizos, seguindo as prioridades marcadas por Europa.

183 millóns de euros ata 2030

Para iso, precisou que se van destinar 183 millóns de euros ata 2030 coa previsión de mobilizar 900 millóns de euros e co obxectivo de atraer cara a estes segmentos de actividade empresas doutros ámbitos estratéxicos como o naval, a automoción, o metal ou as TIC e materializar novos investimentos industriais.

De feito, non marco desta Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo a Xunta vai activar un Fondo de Investimento en Tecnoloxías Duais dotado con 40 millóns de euros de aplicación tanto no ámbito civil como militar.

Galicia pode e debe estar preparada para situarse á vangarda no desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas duais xerando á súa vez crecemento económico e emprego de calidade.