Lorenzana avanza axudas por importe de 14 M€ para impulsar a innovación e a dixitalización do tecido produtivo de Galicia

  • Como novidade, estas axudas inclúen máis de 10 millóns para fomentar o uso da Intelixencia Artificial (IA) nas empresas
  • Insiste na importancia de continuar apoiando a aquelas compañías que queren seguir medrando na Comunidade

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta aprobará proximamente unha partida de 14 millóns de euros para impulsar a innovación, a dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo de Galicia.

Como novidade, estes apoios incluirán unha liña de 10,3 millóns de euros para fomentar o uso da Intelixencia Artificial (IA) nas empresas, unha ferramenta chave hoxe en día para gañar en produtividade e posicionarse no mercado internacional.

Durante unha visita ao novo centro loxístico da empresa familiar Krack en Cerdedo-Cotobade, Lorenzana destacou o traballo conxunto do concello, da propia compañía e da Administración galega para que “esta nave loxística, crucial para todo o traballo de modernización e expansión que está a facer a empresa, sexa unha realidade desde hai máis dun ano”, subliñou.

Neste marco, puxo en valor os apoios públicos que, segundo explicou “son necesarios para as empresas que queren seguir crecendo en Galicia e por iso imos seguir traballando coa Oficina Económica de Galicia e con eles neste proceso de expansión no que están inmersos”, dixo.

Finalmente, a titular de Economía e Industria apuntou que “cremos que este é o camiño, apoiar ao tecido empresarial para facilitar o máis rápido posible o solo industrial e facer as tramitacións máis sinxelas” co obxectivo de atraer investimentos e emprego a Galicia.