- Apunta que a principal liña deste programa de apoios -para a creación de novos produtos ou servizos a través de IA- pechou o pasado mes de abril con récord de solicitudes, un total de 117, o que obrigou a duplicar o seu orzamento inicial de 5,5 a 10,8 M€
- Destaca que Galicia se consolida como o sexto polo de innovación e emprendemento de España, con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, un 26 % máis que o ano anterior, das cales 229 son startups
- “Os proxectos empresariais que crecen, nacen ou se instalan en Galicia son outro plebiscito en favor da economía galega e un recoñecemento á nosa estabilidade política, social e institucional”, subliña
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a innovación seguirá sendo unha peza clave nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, que van recoller unha nova edición do programa IA360, a primeira convocatoria de axudas en Galicia para introducir a intelixencia artificial nas empresas que resultou todo un éxito.
Lorenzana interveu hoxe na inauguración do I Gran Foro de Innovación e Emprendemento, onde apuntou que a principal liña deste programa de axudas -para a creación de novos produtos ou servizos a través de IA- pechou o pasado mes de abril con récord de solicitudes, un total de 117, o que obrigou a duplicar o seu orzamento inicial de 5,5 a 10,8 M€.
En total, precisou, resultaron beneficiados 82 proxectos empresariais cunha axuda media de 131.000 euros e unha mobilización de máis de 21,7 M€ de investimento total. O sector TIC concentra o 43 por cento das propostas, seguido do alimentario, a enxeñaría, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía ou a loxística. As outras dúas liñas deste paquete de axudas -para a implantación de solucións comerciais de IA e proxectos de xestión de datos, e para accións formativas- teñen aínda o prazo de solicitudes aberto ata o 31 de outubro.
A conselleira salientou que Galicia conta cun sistema de innovación e emprendemento cada vez máis dinámico. De feito, dixo, consolídase como o sexto polo de innovación e emprendemento de España, só por detrás de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, País Vasco e Andalucía. Conta con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, un 26 % máis que o ano anterior, das cales 229 son startups, o que supón un incremento do 44 % respecto a 2024. Estas compañías xeran preto de 2.900 empregos cualificados e superan os 290 millóns de euros de facturación anual.
Neste contexto, Lorenzana abondou en que “empresa e Administración non son dous equipos diferentes, senón un só”. E baixo esa premisa destacou o labor que desempeña a Oficina Económica de Galicia, con case 30.000 consultas en ano e medio de vida, “para poñerlle as cousas fáciles ás empresas”.
“Os proxectos empresariais que crecen, nacen ou se instalan en Galicia son outro plebiscito en favor da economía galega e un recoñecemento á nosa estabilidade política, social e institucional”, subliñou, para remarcar: “É certo que en Galicia aínda existen sectores minoritarios que, diante de calquera iniciativa industrial, reaccionan en contra. Aínda que fagan ruído no presente, pertencen ao pasado e teñen pouco sitio no futuro”.