Lorenzana destaca que Galicia xeraría a enerxía equivalente a 70 parques eólicos coa repotenciación e o reforzo da rede de transporte eléctrico

  • Asegura que se reduciría o número de aeroxeradores instalados en Galicia ata nun 68 % xerando ata un 125 % máis de enerxía sen necesidade de novos trazados de liñas de evacuación
  • Enmarca esta estratexia na importancia de atender as necesidades de demanda de consumo que ten a industria
  • Destaca o clima económico “favorable” e “estable” de Galicia a pesar das incertezas do escenario internacional e salienta que, o ano pasado, foi a quinta comunidade autónoma máis exportadora

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que, coa repotenciación e o reforzo da rede eléctrica de transporte que se vén demandando ao Goberno central, Galicia podería conseguir unha potencia equivalente a 70 parques eólicos -de 40 MW cada un sen nova ocupación de terreos- e 1.300 MW máis de consumo.

Así o puxo de manifesto esta mañá na presentación da V Edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida, onde fixo referencia aos datos que se desprenden do informe sobre repotenciación eólica encargado pola Consellería de Economía e Industria á Universidade de Vigo sobre que onte avaliou o Consello da Xunta.

Segundo dixo, o escenario despois da repotenciación, e se o Goberno central é quen de acompañar ese aumento da potencia eólica co reforzo da rede de transporte eléctrico, poderíase reducir o número de aeroxeradores instalados en Galicia ata nun 68 %  xerando ata un 125 % máis de enerxía, sen necesidade de novos trazados de liñas de evacuación.

Lorenzana enmarcou esta estratexia na importancia de atender as necesidades de demanda de consumo que ten a industria. E, neste contexto, resaltou o compromiso do tecido empresarial coa sustentabilidade, tal e como recollen as conclusións do Atlas, que demostra, dixo, que “a maior parte das empresas galegas entenden que o éxito económico vai ligado á sustentabilidade, a un compromiso coas persoas e coa sociedade”.

A conselleira destacou o clima económico “favorable” e “estable” de Galicia a pesar das incertezas do escenario internacional e, neste punto, salientou que a Estratexia de Internacionalización da Xunta permitiu que se convertese o pasado ano na quinta comunidade autónoma máis exportadora.

A política económica do Goberno galego, proseguiu, baséase no desenvolvemento dos recursos naturais, no peche das cadeas de valor, o abaratamento do prezo da enerxía e “a importantísima vinculación que existe entre a enerxía e a industria”, dixo, pero tamén na desburocratización e a axilización administrativa, a través da Oficina Económica de Galicia, para favorecer a implantación de proxectos industriais.