Lorenzana explora en Oslo oportunidades recíprocas de investimento entre Galicia e Noruega

  • Destaca que Noruega é un referente e un modelo a seguir no relativo a eólica offshore, que abre oportunidades recíprocas de negocio para o naval, o sector metalmecánico e o enerxético
  • O país nórdico ocupa o posto 33 na clasificación de destinos aos que Galicia exporta, principalmente, vehículos automóbiles, produtos minerais e metalmecánicos; se ben, cómpre destacar o incremento que se vén rexistrando nas vendas do sector forestal-madeira así como o naval
  • O comercio bilateral entre Galicia e Noruega acadou en 2024 os 96,1 M€, cunha balanza comercial positiva e un número de empresas exportadoras regulares que se mantén estable no tempo en torno ás 90

Oslo (Noruega), 7 de xuño de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coa embaixadora de España en Noruega, Alejandra del Río Novo. Un encontro que estivo precedido pola reunión de traballo co agregado comercial xefe da Oficina Económica e Comercial de España, Julio Rasilla Álvarez. Con ambos mandatarios, a conselleira abordou oportunidades recíprocas de investimento entre Galicia e o país nórdico.

A conselleira salientou que, actualmente, Noruega ocupa o posto 33 na clasificación de países aos que Galicia exporta, principalmente, vehículos automóbiles, produtos minerais e metalmecánicos; se ben, cómpre destacar o incremento que se vén rexistrando nas vendas do sector forestal-madeira así como o naval.

Segundo sinalou, o comercio bilateral entre Galicia e Noruega acadou en 2024 os 96,1 M€, cunha balanza comercial positiva e un número de empresas exportadoras regulares que se mantén estable no tempo, en torno ás 90. En concreto, o ano pasado venderon os seus produtos e servizos naquel país 232 empresas, das que 82 xa o fan regularmente.

Ata marzo de 2025, as exportacións galegas a Noruega acadaron os 25,5 M€ e foron 126 as empresas que operaron alí, 57 regulares.

Lorenzana quixo poñer en valor a aposta que está facendo Galicia por atraer investimentos en sectores, fundamentalmente, vinculados coa economía verde e as enerxías renovables dada a vontade do Goberno galego de xestionar un mellor aproveitamento dos recursos naturais para abaratar os custos enerxéticos e incrementar a competitividade industrial.

Neste sentido, destacou que Noruega, en particular, é un referente e un modelo a seguir no relativo a eólica offshore, que abre oportunidades recíprocas de negocio para o naval, o sector metalmecánico e o enerxético. Tamén sinalou que ten en común con Galicia que conta cunha industria forestal consolidada, polo que existe potencial para seguir crecendo na exportación de madeira tratada para exteriores ou solucións para construción sustentable ou deseño interior.

Outros sectores con potencial de crecemento, segundo se puxo de manifesto nas xuntanzas, son o agroalimentario e a acuicultura, ou o da construción, polo compromiso de Noruega co desenvolvemento sustentable e a conectividade.

Lorenzana agradeceu a receptividade da embaixadora e do agregado comercial xefe da Oficina Económica e Comercial de España, e a súa disposición a colaborar na busca de sinerxías comerciais e económicas entre ambos os dous territorios.