- O Goberno galego destina máis de 230 millóns de euros á industria do automóbil no período 2024-2027
- A conselleira destaca que o obxectivo é apoiar a todas as empresas na reconversión e a electrificación dos vehículos
- Anuncia ademais, que a Xunta está a piques de finalizar os trámites para poder comezar a urbanización da ampliación do polígono de San Cibrao da Viñas
San Cibrao das Viñas (Ourense), 5 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou hoxe o apoio da Xunta ao sector da automoción no seu tránsito cara a modernización e a sustentabilidade.
Lorenzana visitou esta mañá no polígono industrial de San Cibrao das Viñas as instalacións do grupo empresarial formado por AMG Metalmecánica Gallega, Aníbal Blanco Logistics &Transportes e AMMI Technologies. Alí explicou que, a compañía matriz, foi beneficiaria das axudas extraordinarias á industria da automoción postas en marcha polo Goberno galego no ano 2024 “para apoiar a todas as empresas na reconversión e a electrificación dos vehículos”, dixo.
Neste marco, a Xunta destina máis de 230 millóns de euros ao sector da automoción no período 2024-2027 no marco do Plan director e tamén do programa extraordinario de axudas dirixidas a esta industria para acompañalo no proceso de transición á mobilidade eléctrica.
A titular de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tamén puxo en valor o impacto positivo que ten para a Comunidade o traballo desenvolto por este grupo de empresas ourensás que contan cun forte compoñente industrial, tecnolóxico e exportador.
Avances no parque empresarial de San Cibrao
Lorenzana aproveitou ademais, para anunciar que “estamos a piques de finalizar xa os tramites” para poder comezar a urbanización da ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, “que é moi importante para todas as empresas que estades aquí para que poidades continuar crecendo e tendo solo industrial dispoñible”, afirmou.