Lorenzana viaxará esta semana a Xapón para celebrar o Día de Galicia na Expo de Osaka 2025 e manter diversos encontros empresariais cos que afianzar as relacións económicas co país

  • Galicia estará presente neste evento durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España
  • A conselleira terá ocasión de reunirse con empresas de interese para Galicia como son Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, viaxará esta semana a Xapón, onde asistirá á celebración do Día de Honra de Galicia na Exposición Universal de Osaka 2025 e manterá, tamén, unha axenda con diversos encontros empresariais.

A Exposición Universal de Osaka 2025, que se celebra entre o 13 de abril e o 13 de outubro, está organizada pola Bureau International des Expositions (BIE) baixo o lema “Deseñar a sociedade do futuro e imaxinar a nosa vida de mañá”. Galicia estará presente durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España.

No plano económico, xa en Tokio, María Jesús Lorenzana terá ocasión de participar nun encontro organizado pola Embaixada de España en Xapón con empresas galegas establecidas no país e con compañías xaponesas con sede en Galicia. Durante a súa estadía, reunirase con representantes de Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods, firmas de interese para Galicia. Ademais, tamén visitará a Oficina Comercial de España en Xapón, a Cámara de Comercio e Industria Española no país, e manterá un encontro coa Japan External Trade Organization (Jetro), unha organización gubernamental dedicada a promover o comercio internacional e o investimento con Xapón.

O obxectivo da viaxe é seguir estreitando as relacións comerciais e culturais que Galicia vén mantendo co país nipón, con cifras á alza non só a nivel turístico senón, tamén, de empresas galegas que xa exportan de forma regular a este mercado.