- O Diario Oficial de Galicia fixo publica a resolución pola que se conceden máis de 630.000 euros para apoiar proxectos colaborativos que promoven a transformación tecnolóxica e sostible do tecido empresarial
- Os apoios, do 100% dos gastos subvencionables, benefician a clústeres, asociacións e entidades empresariais que agrupan a máis de 200 compañías galegas
- Desde a súa posta en marcha, o programa do Igape ten permitido impulsar máis de 175 obradoiros cun investimento global superior aos 3,2 millóns de euros
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar estes días a resolución de concesión dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sustentabilidade e loxística avanzada convocados pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que permitirán poñer en marcha 35 novos proxectos colaborativos en toda Galicia.
A través deste programa, dotado con máis de 630.000 euros, a Xunta reforza o seu apoio ao tecido empresarial galego na súa transición cara a modelos produtivos máis innovadores, dixitais e sostibles, impulsando o traballo en rede e a cooperación entre empresas e entidades.
As axudas cobren o 100% dos gastos subvencionables e están dirixidas a organismos intermedios de carácter empresarial, como clústeres, confederacións e asociacións sectoriais, que funcionan como espazos de conexión entre pemes e grandes empresas, centros tecnolóxicos e administración pública. No conxunto dos proxectos aprobados participan máis de 200 empresas galegas, que traballarán conxuntamente na identificación de retos e oportunidades nos ámbitos da innovación, a dixitalización, a economía circular e a loxística avanzada.
Entre as iniciativas apoiadas nesta edición figuran proxectos promovidos por clústeres e entidades como CEAGA, Viratec, Dihgigal, Bioga, o Clúster TIC, o Clúster Alimentario de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra ou o Clúster da Biomasa, entre outros. Estes obradoiros abordarán cuestións clave como o uso da intelixencia artificial na industria téxtil, a ciberseguridade no sector naval, a eficiencia enerxética, a trazabilidade mediante tecnoloxías RFID, ou a valorización de materias primas como a la galega, entre moitos outros exemplos.
O obxectivo é fomentar a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos conxuntos que poidan beneficiarse de futuros programas de apoio e consolidar así un ecosistema baseado na innovación e no traballo en rede.
Desde a súa posta en marcha, o programa do Igape ten permitido impulsar máis de 190 obradoiros en toda Galicia, cun investimento global que supera os 3,4 millóns de euros, contribuíndo a que as empresas galegas incorporen novas tecnoloxías, procesos sostibles e melloras competitivas de alto impacto.
Con esta nova convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha industria galega innovadora, sustentable e aberta ao mundo, que aposta pola dixitalización e a cooperación como motores de crecemento e modernización.
