Natalia Barros, directora da Oficina Económica de Galicia: «Nos primeiros seis meses atendemos 10.500 consultas e 500 reunións»

Esta entidade preséntase o 19 de novembro na feira de emprego que organiza a Escola de Relacións Laborais

Non é unha oficina máis. «É un único punto de acollida e acompañamento para calquera iniciativa empresarial que desenvolva en Galicia», explica a coruñesa Natalia Barros sobre o organismo que dirixe. A súa presentación na Coruña será o prato forte da Feira pola empresa e polo emprego, que organiza a Escola de Relacións Laborais, en colaboración coa Xunta, do 19 ao 21 de novembro.

— Cal é a misión principal da Oficina Económica de Galicia?

— Facilitar o desenvolvemento de proxectos que impulsen desde un emprendedor ata unha empresa que xa estea implantada en Galicia ou firmas de fóra que desexen levar a cabo una inversión aquí.

— Como foi o proceso desde a súa posta en marcha?

— Tras uns meses previos de configuración da nova oficina, empezamos a funcionar nas instalacións do Igape en Santiago, no mes de abril. En realidade, a Oficina Económica creouse pola Lei de Medidas Fiscais e de Acompañamento de decembro do 2023.

— Con que obxectivo naceu?

— Nace coa intención de aglutinar ou simplificar varios organismos que se crearon no seu momento. Existían xa varias oficinas de acompañamento á inversión, a unidade Galicia-empresa, a unidade de apoio aos emprendedores… A idea era, en vez de que houbese tantos portelos, concentrar nun punto singular as funcións deses organismos e, á súa vez, dotala de outras misións adicionais.

— Cantas persoas conforman o equipo a día de hoxe?

— Hai un equipo base composto por 27 técnicos de información especializados en asesoramento de axudas, e no mes de setembro incorporáronse outros cen asesores expertos en distintos ámbitos: innovación, competitivade, enerxía e industria.

— A cantas empresas axudastes desde o seu arranque en abril?

— Segundo o balance destes últimos meses, estaremos nas 10.500 consultas atendidas e máis de 500 reunións de asesoramento empresarial celebradas.

— Cal é a consulta tipo?

— As que clamamos ‘consultas rápidas’ son, por exemplo, sobre axudas que abre o Igape (o calquera outro organismo), sobre a tramitación dun expediente, como presentar unha solicitude ou a onde deben dirixirse para constituír una empresa.

— Cantos proxectos manexan?

— Agora temos incorporados na nosa base de datos 165 proxectos especialmente relevantes. Son proxectos que superan os 800.000 euros en volume de inversión.

— Que tipo de empresas recorreron xa á súa Oficina?

— Desde emprendedores que queren crear unha iniciativa ata start-ups e proxectos de base tecnolóxica. Tamén hai moitos proxectos de empresas pequenas, de empresas medianas (quizais as que máis) que queren ampliar o diversificar, e tamén hai proxectos de grandes empresas (con más de 50 millóns de facturación e 250 empregos). Tamén recibimos moitos proxectos de empresas de fóra que queren investir en Galicia. Isto congratúlanos moito, porque vemos que Galicia percíbese como unha comunidade amable para investir. E o feedback que nos dan é que agradecen ter un punto de información único e coordinado para non ter que estar vendo onde preguntan polo solo, a enerxía, o financiamento ou as axudas á innovación.

— Onde está habendo máis actividade e novas inversións?

— Na cadea mar-industria, no sector da enerxía e, últimamente, está moi reactivado o sector naval. Tamén os proxectos de desenvolvemento de eólica mariña, compoñentes, repotenciación… Existe, neste momento, moito interese en desenvolver esa industria. Tamén está habendo moita actividade no sector turístico, inversións máis ben pequenas para o desenvolvemento de novas formas de aloxamento sostible.

 «Temos desde unha planta de hidróxeno verde a pequenas empresas turísticas do rural»

Natalia Barros está convencida de que a Oficina Económica de Galicia, organismo de recente creación, chega nun momento perfecto ante o «ecosistema» que se está xerando na Coruña para «facilitar» o desenvolvemento de proxectos empresariais.

— Que tipo de firmas abarcan?

— Desde o punto de vista sectorial, o panorama é moi diverso. Atendemos desde grandes inversións en proxectos de implantación industrial dunha planta de hidróxeno verde ata un pequeno proxecto turístico de rehabilitación no ámbito rural.

— Cal é o interese pola Coruña?

— É verdade que se nota un maior impulso de actividade no eixe Atlántico. En concreto, na Coruña, todo o relacionado co porto exterior de punta Langosteira (hidróxeno, eólica mariña e outros sectores como a produción de malta) xera moita actividade empresarial e industrial. Adicionalmente, a dispoñibilidade do solo no polígono de Morás está despertando moito interese no desenvolvemento de proxectos moi potentes e que van xerar moita actividade en todo o entorno. Ademais, o Fondo de Transición Xusta para as rexións onde houbo peche de centrais (como Meirama e As Pontes nesta provincia) será un instrumento relevante de impulso ás empresas. Á súa vez, está habendo moita actividade de emprendemento na Coruña no tema tecnolóxico. É verdade que inflúe o impacto da Cidade das TIC ou os grados de Informática e Intelixencia Artificial da UDC e a Aesia. E hai grandes empresas localizadas aquí que están a impulsar moito o emprendemento.

— Ten moito potencial?

— Si que o ten. Nós percibimos todo isto nas consultas que recibimos.

  • Quen é: Natalia Barros (Oza dos Ríos, 1969) coñece a realidade empresarial desde varios ángulos. Traballou tanto en grandes como medianas empresas e tamén sabe o que é emprender, posto que no seu día creou o seu propio proxecto de turismo. Foi directora do plan Ferrol, deputada na comisión de Industria do Parlamento de Galicia e responsable de Proxectos Estratéxicos do Igape.

Fonte de la noticia: