A Xunta apoiará con 18 M€ ás empresas auxiliares do sector da automoción para ser máis competitivas no contexto actual de transición enerxética
Proximamente a Xunta vai lanzar unha nova liña de achegas, dotada de 18 millóns de euros, para axudar ás empresas auxiliares do sector da automoción a ser máis competitivas e adaptarse ao proceso de transición que vive esta industria cara unha mobilidade máis sustentable, marcada pola extensión do vehículo eléctrico.
Trátase dun sector clave para Galicia, composto de empresas auxiliares ou de compoñentes do automóbil que xera 25.000 empregos na Comunidade, e que ten por diante o gran reto de adaptarse á normativa europea que establece 2035 como data límite para que non haxa vehículos contaminantes no mercado.
Este novo programa de axudas contribúe a facer fronte aos gastos das empresas este mesmo ano, cunha primeira liña de apoios destinada a atender tanto o gasto en equipamentos como o que respecta á elaboración de proxectos de futuro. Os apoios, en concorrencia non competitiva, cobren ata o 70% destes gastos subvencionables, executados desde o 1 de xaneiro ata a data de presentación da solicitude, cun máximo de 300.000 euros. Entre as iniciativas que poderán recibir achegas están a compra de maquinaria, as reformas das naves de produción ou os gastos de consultoría para avanzar neste proceso de transición.
Así mesmo, o programa inclúe unha segunda liña de apoios de entre o 35% e o 55% dos custos das actuacións das empresas cara ao desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética e renovables ata un máximo de 700.000 €. Neste caso, están enfocadas para actuacións coma a implantación de enerxías térmicas ou eléctricas (paneis fotovoltaicos ou minieólicos) ou realizar melloras de eficiencia enerxética nas instalacións.
O sector da automoción está a afrontar unha das transformacións máis grandes da súa historia, na que a transición xusta ou a electrificación son puntos centrais do cambio de paradigma. A Unión Europea fixou no 2035 a data para que os novos turismos e furgonetas no mercado sexan de cero emisións. Neste contexto, a Xunta reforza a súa aposta por un sector declarado estratéxico para a economía de Galicia, buscando que as empresas automobilísticas sexan máis eficientes, seguras e competitivas.