Protexe a túa innovación: a EUIPO ofrece subvencións ás pemes para cubrir gastos

A Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea (EUIPO) é unha axencia da Comisión Europea que desempeña un papel fundamental na protección da propiedade intelectual dentro do mercado único europeo.

Desde a súa sede en Alacante, a EUIPO administra os dereitos de marcas, debuxos e modelos da Unión Europea (UE), que son aplicables en todos os estados membros. Esta oficina encárgase non só do rexistro de marcas e deseños, senón tamén da xestión de recursos como o Observatorio Europeo das Vulneracións dos Dereitos de Propiedade Intelectual e a Base de Datos de Obras Orfas. Estas funcións colocan á EUIPO no centro da innovación e a protección do valor intanxible que xeran as empresas dentro do mercado europeo.

De forma anual, publican unha convocatoria destinada a pequenas e medianas empresas establecidas na UE para que poidan acceder a subvencións que axuden a financiar os custos das taxas para solicitude de patentes, modelos, marcas e debuxos.

As axudas divídense en Bono 1 e Bono 2:

Bono 1 – para Taxas de marcas e deseños nos que se pode optar a:

  • Reembolso do 75 % das taxas no ámbito da Unión Europea, nacional ou rexional.
  • Reembolso do 50 % das taxas para marca internacional.
  • En todo caso, o máximo do bono sería de 1000 euros

Bono 2 – para o rexistro de patentes as axudas son:

  • Reembolso do 75 % do custo dun «Informe de busca sobre o estado da técnica anterior» emitido por unha oficina nacional.
  • Reembolso do 75 % das taxas para a protección nacional nun Estado membro da UE.
  • Reembolso do 75 % das taxas para a presentación e a busca de patentes europeas presentadas ante a Oficina Europea de Patentes (EPO).
  • Reembolso do 50 % dos custos xurídicos derivados da redacción e presentación de solicitudes de patentes europeas (máximo 2000 euros)
  • O máximo do bono sería de 3500 euros

Para que isto sexa así, é importante presentar a solicitude ao Fondo para Pemes e recibir a correspondente decisión de subvención e o bono, ou os bonos, antes de solicitar a súa marca. Pola contra, non poderá optar ao reembolso.

Queres saber como protexer a nivel europeo a túa innovación e canto presuposto precisas? Non dubides en solicitar unha sesión informativa á Oficina Económica de Galicia e axudarémoste a buscar a mellor opción para protexer a túa marca ou patente a nivel europeo.

Funcións principais da EUIPO

A EUIPO é responsable de xestionar os dereitos sobre marcas, debuxos e modelos dentro da UE, o que permite ás empresas operar en todos os estados membros cunha protección uniforme.

Anualmente, a EUIPO examina máis de 150.000 solicitudes de marcas e 90.000 de debuxos ou modelos. Estas solicitudes sométense a un rigoroso proceso de avaliación para asegurar que non entren en conflito con dereitos previamente rexistrados, como marcas ou indicacións xeográficas.

Que teño que ter en conta para rexistrar unha marca?

O primeiro é verificar a dispoñibilidade da mesma, comprobando que non existen dereitos previos cos que puidesen entrar en conflito, como marcas similares ou indicacións xeográficas. De non facelo, o titular dunha marca preexistente pode impugnar a solicitude, o que podería resultar na súa denegación.

A continuación, hai que cubrir un formulario no que se solicita toda a información sobre a marca.

E no caso de debuxos, deseños ou modelos?

É importante ter en conta que o éxito da súa solicitude depende, principalmente, da representación do seu deseño. Así, poderase presentar ata sete perspectivas, máis tres perspectivas non protexidas, do seu deseño. Ademais, ten que representarse sobre un fondo neutro e debe corresponderse coa indicación do produto.

En definitiva, a EUIPO ofrece unha ampla gama de servizos para protexer os dereitos de Propiedade Intelectual en toda Europa, con recursos específicos para pemes, o que reforza a competitividade xurídica das empresas que operan.