- Salienta que Galicia é unha terra de oportunidades e a aposta da Xunta por apoiar aos que queren investir ou emprender na comunidade
- O Goberno autonómico ten en marcha medidas para a desburocratización, por “facelo todo máis fácil”, e o asesoramento personalizado aos empresarios a través da Oficina Económica de Galicia
- A partir de 2025 vaise unificar nunha única orde todas as liñas de axudas para os autónomos co obxectivo de facilitar e axilizar os trámites
- O titular do Goberno galego segue demandando que a comunidade “non se quede atrás en investimentos fundamentais” como, por exemplo, a “irrenunciable” conexión de Galicia con Portugal por alta velocidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o papel dos empresarios como xeradores de riqueza e emprego de calidade e resaltou o compromiso da Xunta con apoiar e asesorar aos que queren investir ou emprender na comunidade.
Durante a súa intervención na clausura do Encontro de secretarios e xerentes de organizacións empresariais da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Rueda fixo fincapé en que Galicia é unha terra chea de oportunidades e no deber das administracións por “estimular a economía” e promover un ecosistema que permita poñer en marcha proxectos estratéxicos para a comunidade.
Nesta liña, lembrou a aposta da Xunta pola desburocratización, por “facelo todo máis fácil”, e pola simplificación administrativa para as iniciativas empresariais así como o asesoramento personalizado a través da Oficina Económica de Galicia.
“O que nos importa de verdade é que os empresarios en Galicia saiban que teñen unha administración que se compromete a tramitar en prazo e a ser previsible”, indicou Rueda, ao tempo que lembrou que o 1 de xaneiro a comunidade “volverá ter os seus orzamentos en marcha, que volven medrar e situándose en máximos históricos pero sendo absolutamente realistas”.
Ademais, compre destacar que a comunidade galega ten o recoñecemento de ser Rexión emprendedora europea 2025 polo traballo a favor do emprendemento que o Goberno autonómico leva feito nos últimos anos. De feito, a Xunta destinará 32 millóns de euros nos orzamentos de 2025 ao emprendemento para promover diferentes iniciativas e impulsar proxectos liderados por mozos, mulleres e retornados.
Así mesmo, a partir do vindeiro ano vanse unificar nunha única orde todas as axudas dirixidas a autónomos -40 millóns de euros- para facilitar e axilizar os trámites para solicitalas e vaise consolidar o programa de formación “á carta” para que os empresarios soliciten aqueles cursos que precisan para mellorar as capacidades dos seus traballadores. “Estaremos acompañando todo o esforzo que vén de parte do empresariado”, apuntou o presidente da Xunta.
Infraestruturas imprescindibles
Por outra banda, Alfonso Rueda aproveitou para seguir demandando as infraestruturas que merece Galicia e que “non se quede atrás en investimentos fundamentais” como, por exemplo, a “irrenunciable” conexión de Galicia con Portugal por alta velocidade.
Así, pediulle ao tecido empresarial que sigan sendo “os nosos aliados e nos acompañen neste reto que vai vertebrar todo o eixo Galicia-Norte de Portugal”, indicando a gran oportunidade tamén comercial que vai supoñer.