· Lembra o compromiso do Goberno galego coas iniciativas empresariais, con ferramentas como a Oficina Económica de Galicia para facilitar e reducir os trámites
· A Administración autonómica fomenta o emprendemento cunha rede de polos nos que recibir asesoramento ou con axudas para lanzar startups
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel dos emprendedores á hora de xerar emprego de calidade na comunidade, subliñando que estes son “os que crean riqueza e os que de verdade lle dan valor engadido ás ideas que teñen”. Durante unha visita ás instalacións de D3 Applied Tech -firma de Ames que elabora solucións tecnolóxicas para embarcacións de competición, o sector aeroespacial, as enerxías renovables, a industria ou o eido naval- lembrou o compromiso da Xunta coas iniciativas empresariais. Así, recordou que a través da Oficina Económica de Galicia “intentaremos acompañar os proxectos para que todo sexa áxil e para que a burocracia non sexa un problema”, achegando tamén axudas puntuais para “despois multiplicar todas as oportunidades”.
Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente salientou a firme aposta da Xunta por reter o talento innovador e atraer investimentos. Neste eido, a Administración autonómica conta con medidas para fomentar a posta en marcha de proxectos, como a Rede de Polos de Emprendemento –14 centros espallados por toda a comunidade nos que os emprendedores reciben orientación e asesoramente durante todo o proceso–; unha liña de axudas para os gastos de lanzamentos das startups –1,5 millóns de euros na convocatoria deste 2024–; ou unha rede de aceleradoras desde as que se aposta por dar pulo a proxectos innovadores mediante a colaboración público-privada, entre outras iniciativas.
Por outra banda, o Goberno autonómico traballa desde hai anos para reducir e axilizar os trámites que teñen que realizar as empresas á hora de poñer en marcha un negocio. Para iso, ademais da Oficina Económica de Galicia, que actúa como única canle para facilitar os trámites que teñen que realizar os empresarios, existen diferentes liñas de axudas para fomentar a innovación no tecido produtivo ou promover investimentos para renovar e modernizar o seu equipamento.