Rueda salienta na Toxa o papel clave da diáspora galega como aliada estratéxica para o desenvolvemento económico de Galicia

  • Destaca que Galicia vive un momento especialmente atractivo, bo para o emprendemento e cunhas cifras de paro que seguen mellorando
  • Pon en valor que a nosa comunidade achega estabilidade, seguridade e brazos abertos aos empresarios quen queira vir a investir

O Grove (Pontevedra), 3 de xullo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o papel clave da diáspora galega como aliada estratéxica para o desenvolvemento económico da nosa comunidade.

Durante a súa participación no acto de clausura das Xornadas do Encontro Mundial de Galegos, organizadas pola Asociación de Empresarios Galegos no Exterior (AEGAMA), que se celebraron na illa da Toxa (O Grove), Rueda agradeceu o labor da asociación para reforzar os vínculos coa diáspora nun momento para Galicia “especialmente atractivo”, bo para o emprendemento e cunhas cifras de paro que seguen mellorando.

Neste sentido, o titular do Goberno galego referiuse á marca Galicia Calidade como a que “nos fai recoñecibles fora da nosa terra” e sinalou que o triunfo do talento empresarial galego no exterior é positivo para Galicia e un motivo de orgullo, ademais da nosa “mellor marca de identidade”.

Para o presidente, a nosa comunidade achega estabilidade, seguridade e “brazos abertos” a quen queira vir a investir. Como consecuencia, asegurou que moitos empresarios estanse a fixar en Galicia e que o Goberno galego ten unhas “prioridades claras” para axudarlles a solucionar problemas como as vacantes de difícil cobertura ou o absentismo laboral.

A Xunta está traballando para facilitar o retorno das novas xeracións de galegos, con medidas como a Estratexia Galicia Retorna ata 2026, as bolsas BEME para estudos de mestrado ou o apoio a redes empresariais como a propia AEGAMA.

Estratexia da internacionalización 2021-2025

No ámbito económico, destacan os bos resultados da Estratexia da internacionalización 2021-2025, que permitiu superar por primeira vez os 31.000 millóns de euros en exportacións e sumar xa máis de 9.300 empresas exportadoras, así como a creación da Oficina Económica de Galicia, que abrirá a súa primeira sede fóra da Comunidade en Madrid. Ademais, xa se está a traballar na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030 para diversificar mercados e apoiar a proxección internacional das empresas galegas.