Rueda subliña a importancia de investir na I+G+i e apoiar iniciativas empresariais innovadoras para xerar novas oportunidades de emprego en Galicia

  • Apunta que o traballo de Unirisco amosa que investir en ciencia é preciso pero tamén é rendible
  • Destaca a futura ampliación da rede de aceleradoras, que o vindeiro ano sumará dúas novas centradas na saúde e o benestar e nas enerxías renovables
  • A Xunta destinará en 2026 máis de 47 millóns de euros en materia de innovación empresarial

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana, subliñou hoxe a importancia de investir na I+G+i, a I+D+i galega, e apoiar iniciativas empresariais innovadoras para xerar novas oportunidades de emprego na nosa comunidade.

Durante a súa intervención no acto polo 25º aniversario de Unirisco, Rueda destacou o carácter pioneiro e a “visión e valentía” desta entidade  ao apostar polo capital risco na universidade, amosando que investir en ciencia e coñecemento non só é preciso, senón que “tamén é rendible”.

O titular do Goberno tivo palabras para salientar que en Galicia “estamos no bo camiño” e apuntou á importancia de axudar a converter “unha idea inicial nunha empresa de éxito”, confiando no talento que hai na comunidade, acompañándoo con recursos e traballando con planificación.

Con este obxectivo, a Xunta ten en marcha múltiples liñas de apoio, plans de I+D+i, programas e ferramentas xa consolidadas. Entre elas, o presidente salientou a Oficina Económica de Galicia -que desde a súa posta en marcha rexistrou máis de 30.000 consultas resoltas nun 84% no acto- para “dar facilidades a aqueles que queiran emprender”, ou a rede de aceleradoras galegas, grazas ás cales máis de 250 novas empresas foron creadas ou financiadas e máis de 440 compañías recibiron apoio, xerando máis de 1.400 empregos cualificados.

Neste sentido, Rueda destacou a futura ampliación da rede, que o vindeiro ano sumará dúas novas aceleradoras: unha centrada na saúde e o benestar, e outra nas enerxías renovables.

En materia de innovación empresarial, o presidente do Executivo galego destacou que a Xunta destinará en 2026 máis de 47 millóns de euros a, por exemplo, “axudar ás empresas a captar e recuperar talento de fora”.

Educación e ciencia

Galicia vén de escalar nove postos na clasificación europea de rexións innovadoras, a segunda comunidade que máis mellora en España.

Entre os apoios á educación e á ciencia, a Xunta ven apoiando a Unirisco na organización das Xornadas “Investir en Ciencia si é posible”, unha ponte entre o talento e a realidade empresarial que nas últimas edicións reuniu a máis de 400 asistentes entre investigadores, investidores, universidades e centros tecnolóxicos.