Un centenar de persoas participan en Viveiro nun foro económico sobre A Mariña impulsado pola Xunta e a CEL

  • O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o Goberno galego mobilizou este ano na Comunidade máis de 180M€ en programas do Igape, e 40,7M€ para preto de 8.700 autónomos

Viveiro (Lugo), 25 de outubro de 2025

Un centenar de persoas participaron hoxe en Viveiro no foro económico “Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña”, impulsado pola Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco da iniciativa Conecta Lugo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, afirmou durante a clausura que a xornada foi concibida “como un espazo de aprendizaxe e de conexión real entre persoas, proxectos e ideas”, con achegas desde o ámbito empresarial e asociativo, as administracións públicas e a Universidade. Incluíu unha conferencia sobre “A oportunidade dunha Galicia industrial verde e sostible”, e dúas mesas redondas acerca do futuro de Viveiro e dos sectores estratéxicos da Mariña, con especial atención ao forestal.

Arias subliñou o apoio do Goberno galego ao tecido produtivo, facilitando financiamento para a posta en marcha e consolidación dos proxectos. Entre outras achegas, afirmou, o  IGAPE mobiliza este ano no conxunto da Comunidade máis de 180 M€ en axudas e créditos brandos para pequenas e medianas empresas, cooperativas e emprendedores. No mesmo período, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina máis de 40,7 M€ para beneficiar preto de 8.700 autónomos galegos.

O delegado destacou o importante labor de asesoramento que tamén realiza a Xunta a través da Rede de polos de emprendemento ou desde a Oficina Económica de Galicia, “un acompañamento directo, áxil e personalizado para materializar unha idea de negocio, acceder ás axudas dispoñibles e reducir trámites administrativos”.

Neste marco, sinalou que os foros do Conecta Lugo son inspiradores grazas “aos exemplos de empresas locais en crecemento, que demostran que na contorna temos  grandes referentes emprendedores e que o futuro constrúese con visión e compromiso”.