Tes que estar en todas as redes sociais?

É un bombardeo constante. Escoitamos continuamente que temos que estar en Instagram, TikTok ou LinkedIn. E repítennos que, se non temos perfís activos nesas redes, non existimos.

Hai moitos empresarios que asumen esta premisa como unha obriga e lánzanse ao mundo das redes sociais sen estratexia. E enchen os seus perfís con contido absurdo. A miña pregunta é: paga a pena este esforzo tendo en conta que o tempo é un recurso moi escaso para un emprendedor? Imos analizalo.

Se es unha pequena ou mediana empresa e estás dedicando horas de traballo a crear contidos para as túas redes sociais sen ter claro que queres conseguir, sinto dicirche que estás perdendo o tempo. Antes de poñerte con esa complicada tarefa, é importante que saibas que a clave non é estar. Hai que estar ben.

Primeiro: Reflexiona

Fagamos un sinxelo exercicio. Antes de abrir un perfil nunha rede social, responde con claridade a estas preguntas:

  • Que queres contar e para que? Queres vendas, facer marca, darte a coñecer, captar leads e datos…?
  • Este contido ten interese para a miña audiencia? Sería interesante se non o crease eu?
  • Se o contido se viralizase, sentiríame orgulloso ou preferiría desaparecer?

Se a resposta é “non teño nin idea”, algo falla. Se este cuestionario che resulta difícil, quizais sexa o momento de pensar un pouco máis na túa estratexia e evitar certas plataformas ata telo máis claro.

Póñoche un exemplo. Tes unha pastelaría e os teus doces están moi bos, porque é o que sabes facer. Para lograr ese sabor delicioso, pasas o día no obradoiro, amasando, atendendo o forno e sabes ben o que lle gusta aos teus clientes.
Como complemento, xestionas unha conta en Instagram para vender máis, pero o que sabes facer son pasteis, non contidos. Publicas cando podes, e cada vez que o fas é unha pequena tortura. Como non sabes que dicir, só subes fotos dos teus doces con textos típicos e aburridos tipo: “Rico e delicioso! Incribles pasteis. Vén probalos”. Curiosamente, recibes tres “likes” de persoas que, horror, nin sequera viven preto da túa pastelaría.

A miña pregunta é: cres que este traballo compensa? Cres que realmente estás atraendo clientes?

Tranquilo, non te agobies. É difícil sabelo facer todo, especialmente se es un emprendedor e traballas só ou se tes unha empresa pequena. É fundamental entender que as redes sociais son un escaparate: se o enches de cousas aburridas, a xente pasará de longo. Pero se o organizas ben, con mensaxes claros e contido útil, entón si que pode traer bos resultados.

Segundo: Coñece a túa audiencia

Unha das regras clave de calquera negocio é identificar o teu público e saber onde está. E non sempre está en todas as redes sociais. Se, tras analizar a situación, decides que a túa audiencia está en Instagram, céntrate en optimizar o teu contido nesa rede e non perdas o tempo noutras plataformas onde non vas obter resultados.

O importante é ter claro o que o teu público necesita para ofrecerlle un contido útil. Pero se non tes tempo para facelo ben, é mellor centrarse noutras formas de atraer clientes.

Terceiro: Calidade ou cantidade?

Publicar sen criterio é un erro moi común. Vexámolo cun exemplo. Imaxina que che ofrecen anunciarte na televisión de balde. Atreveríaste a emitir un vídeo improvisado, mal gravado e sen un obxectivo claro? Seguro que non.
Porén, en redes sociais, moitas marcas fano así: publican sen pensar na calidade nin no impacto do contido.

Gran erro. Nas redes, todo permanece, ao contrario que na TV, onde todo é máis efémero. Un vídeo de mala calidade ou unha mensaxe desafortunada pode reaparecer anos despois e danar a túa imaxe.

Cuarto: O mito de “estar en todas partes”

Abrir perfís sen estratexia é unha perda de tempo e divide as enerxías. Non todas as plataformas garanten o mesmo retorno. Debes ter claro que ofrece cada unha e entender o seu público e dinámica:

  • Facebook: Alcance orgánico en caída, pouca efectividade sen investimento.
  • Twitter/X: Un foro de críticas e debate rápido, difícil de xestionar para pequenas marcas.
  • Instagram: Moito postureo, en declive, aínda que as historias teñen certo impacto. Os anuncios melloran a segmentación.
  • LinkedIn: En teoría é unha rede profesional, pero cada vez máis semellante a Facebook e con moito autobombo.
  • TikTok: Gran alcance pero imprevisible, con problemas de seguridade. Nunca se sabe que funcionará.
  • Threads: Unha nova aposta que satura un mercado xa de por si complexo.

Quinto: Céntrate no esencial

Para ser eficaz, ás veces hai que dicir “non” a propostas que consumen enerxía. Escoller ben os canais e centrarse en contido de calidade axuda a obter mellores resultados. Publicar por publicar non serve de nada. O autoanálise é importante.

As redes sociais poden ser ferramentas moi útiles se se usan con estratexia, se temos claros os obxectivos e identificamos ben a nosa audiencia. Pero se non as podes xestionar de forma profesional, quizais sexa mellor esquecerse delas.

Se decides apostar por estar nas redes, optimiza o teu tempo, define ben as túas mensaxes e enfoca os teus esforzos no que realmente importa: facer medrar o teu negocio con obxectivos claros e traballar nunha dirección coherente.

Podes aproveitar os servizos de asesoramento da Oficina Económica de Galicia. Só tes que cubrir o formulario en liña da nosa páxina web e unha persoa experta porase en contacto contigo.