- A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, analizaron a distribución das futuras parcelas que se están a deseñar para cubrir a demanda
Carballo (A Coruña), 10 de decembro de 2025
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo hoxe un encontro cos empresarios do concello coruñés de Carballo para informarlles dos avances nos proxectos de urbanización e expropiación da ampliación do parque empresarial de Bértoa, que unha vez finalizadas as obras incrementará a súa superficie nun 51%.
No encontro, ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, analizouse coa Asociación de Empresarios do polígono industrial de Carballo a distribución das futuras parcelas que se están a deseñar co fin de facilitar a consolidación de empresas que demanden grandes superficies na zona.
Xunto co equipo redactor do proxecto de urbanización, Ardao recordou que o plan de ampliación do parque de Bértoa Fase II permitirá incrementar a superficie de solo industrial en 629.587 m2, un 51 % mais da súa capacidade actual, que é de 1.236.327 m2.
A actuación que se está a desenvolver conta cunha previsión orzamentaria de 28,2 M€ e enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia de crear un tecido empresarial forte, competitivo e respectuoso co medio ambiente que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial. Se os prazos van segundo o previsto, as obras comezarán no 2027 cun período de execución de 18 meses.
A Coruña, case dous millóns de metros cadrados máis
A ampliación do parque empresarial de Bértoa complementa outras actuación que está a promover a o Goberno galego na provincia da Coruña como son o parque empresarial de Cabana de Bergantiños, a ampliación do parque empresarial da Sionlla (Santiago de Compostela) ou a urbanización das derradeiras fases do parque empresarial de Morás en Arteixo. En total, suman case dous millóns de metros cadrados de solo empresarial.