A Xunta destaca o potencial de Xapón como mercado estratéxico para impulsar a internacionalización das empresas galegas

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, subliña que Galicia pechou 2025 con cifras históricas de exportacións e cun sector exterior cada vez máis diversificado e tecnolóxico
  • Salienta que a Antena do Igape no país asiático, activa desde 2024, xa impulsou accións con empresas e clústeres galegos de sectores como alimentación, automoción, tecnoloxía, industria ou saúde
  • Resalta que no 2025 un total de 253 empresas galegas exportaron ao mercado xaponés por valor de 151,6 millóns de euros, preto dun 25% máis que no ano anterior

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o crecente interese das empresas galegas polo mercado xaponés e puxo en valor o papel que está a desempeñar a Antena do Igape en Xapón para facilitar a entrada das compañías galegas nun dos mercados máis sofisticados e esixentes do mundo. Fíxoo durante a inauguración da xornada Claves para acceder ao mercado xaponés: oportunidades para as empresas galegas, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que Galicia chega a este escenario “cun sector exterior cada vez máis sólido, diversificado e competitivo”, lembrando que a comunidade pechou 2024 con cifras récord de exportacións e que 2025 confirmou esa fortaleza internacional. Neste sentido, incidiu en que as empresas galegas “exportan cada vez con máis valor engadido, máis capacidade tecnolóxica e maior diversificación de mercados”, nun contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica e polos cambios nas cadeas globais de subministración.

A directora do Igape subliñou tamén que a internacionalización “xa non é unha política complementaria, senón unha ferramenta estratéxica para o crecemento empresarial”, motivo polo que a Xunta está a mobilizar este ano máis de 13 millóns de euros en programas de apoio á exportación e promoción exterior. Un apoio que inclúe accións vinculadas á participación en feiras internacionais, misións comerciais, prospección de mercados, implantación exterior ou marketing internacional e dixitalización.

O papel das Antenas do Igape

Neste marco, Toca puxo o foco no traballo das antenas do Igape, creadas para acompañar ás empresas galegas na súa entrada en mercados estratéxicos e reducir as barreiras de acceso internacional. Así, destacou que estas oficinas permiten ofrecer acompañamento práctico, contactos directos e coñecemento local ás empresas interesadas en abrir novas oportunidades de negocio no exterior.

A Antena do Igape en Xapón, activa desde abril de 2024, xa impulsou accións vinculadas a feiras internacionais como Foodex Japan, Mindtech, Stonegal ou Conxemar, ademais de misións inversas e encontros con entidades como Asime, Clusaga ou representantes do sector vitivinícola galego. Segundo explicou a directora, xa se xestionaron preto de trinta solicitudes de servizo de empresas galegas interesadas no mercado nipón.

Os datos, apuntou, avalan esta evolución. En 2025, un total de 253 empresas galegas exportaron a Xapón por valor de 151,6 millóns de euros, o que supón un incremento próximo ao 25 %. A automoción concentra máis do 60 % das exportacións galegas ao país asiático, aínda que tamén destacan sectores como o agroalimentario, o químico, a tecnoloxía, a saúde, a industria ou as solucións dixitais. “Xapón valora especialmente aspectos nos que Galicia destaca, como a calidade, a especialización, a capacidade industrial, a fiabilidade e as relacións a longo prazo”, concluíu Toca.