- O delegado territorial visitou o avance das obras que foron posibles grazas á liña de axudas para a mellora dos parques empresariais de Galicia
- O total investido na provincia de Pontevedra é de preto de 780.000€
Vila de Cruces, 2 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Polígono do Camballón, no concello da Vila de Cruces, con motivo das axudas da Xunta encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos.
Reguera comprobou o resultado das obras de mellora dos colectores con vertido á rede municipal de saneamento que permiten un mellor tratamento das augas e reducen o risco de fugas. Trátase dunha das 10 actuacións que se levarán a cabo na provincia de Pontevedra a través desta liña de axudas e que, no caso da Vila de Cruces, conta cun financiamento da Xunta de case 117.000 euros.
Na comarca do Deza-Tabeirós, ademais da xa nomeada actuación no Polígono do Camballón, tamén se beneficiaron destas axudas os concellos de Silleda e Agolada, que utilizarán as achegas para a mellora dos viais do parque empresarial Áreas 33 (110.390€) e do polígono industrial Merlín (118.983€), respectivamente.
Cabe destacar que, en total, esta liña de axudas deixará preto de 780.000 euros na provincia. Neste sentido, Agustín Reguera quixo poñer en valor “o compromiso da Xunta co sector empresarial galego e a intención de seguir traballando para facilitar a competitividade e produtividade das nosas empresas”.