- Esta xuntanza enmárcase dentro da rolda de contactos que a Xunta está a manter coas empresas dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo
- Indra é un dos principais actores privados que leva participado no parque empresarial de Rozas (Lugo) desde os seus inicios hai dez anos
Madrid, 25 de novembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co conselleiro delegado de Indra, José Vicente de los Mozos, e co director de Tecnoloxía da compañía, Manuel Escalante, onde se abordou a posibilidade de formar un grupo de traballo conxunto para identificar proxectos de colaboración no sector da seguridade, a defensa e o aerospazo.
Esta xuntanza enmárcase dentro da rolda de contactos que a Xunta está a manter coas empresas deste ámbito para avaliar os posibles proxectos a desenvolver e as medidas de apoio que se van articular dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo aprobada pola Xunta cun investimento previsto de 183 millóns de euros.
Ata o de agora, identificáronse 79 proxectos de investimento, dos que 40 deles están relacionados coa ampliación ou instalación de novas cadeas de produción en Galicia.
Indra é un dos principais actores privados que leva participado no parque empresarial de Rozas (Lugo) desde os seus inicios hai dez anos. En concreto, está detrás do proxecto de automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados. Tamén dos simuladores U-Space dos que dispón o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR). E conta, ademais, cun hangar propio nesas instalacións que agora quere converter nun centro de ensaios e probas en voo dos equipos e sistemas aeroportados que desenvolve para o Ministerio de Defensa.