A Xunta presenta en Córdoba a súa estratexia para reforzar o papel da industria galega nos sectores da seguridade, a defensa e o aeroespazo

Córdoba, 9 de outubro de 2026

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou esta mañá en Córdoba nunha nova edición do foro internacional Indudef 2026 – Industria, Talento e Defensa. Alí aproveitou para dar a coñecer a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) coa que a Administración autonómica quere reforzar a capacidade tecnolóxica do tecido empresarial galego e orientala cara a novos nichos de mercado.

Ardao explicou que Galicia ten previsto investir 183 millóns de euros de aquí ao 2030 para axudar á industria galega a diversificar a súa actividade cara ao sector da seguridade e a defensa, que concentra actualmente grandes investimentos da Unión Europea. O sector aumentou un 11,6 % a súa facturación e da emprego a preto de 290.000 persoas en España.

Nesta liña, apuntou que no contexto actual sectores como o aeroespacial, as TIC, o naval, a automoción ou o metalmecánico dispoñen dunha oportunidade para diversificar e incrementar a súa competitividade a través da investigación, a dixitalización, a innovación e o sector da defensa. E, ao fío, explicou que a Iesda ten entre os seus obxectivos incentivar a capacidade de cooperación entre pemes, grandes empresas tractoras e centros tecnolóxicos.