A Xunta reafirma o seu apoio ao tecido industrial lucense para seguir avanzando cara un modelo moderno e sostible

  • O delegado territorial, Javier Arias, participou na clausura dun foro Conecta Lugo sobre industrialización e sostibilidade, no que compartiron a súa experiencia representantes dos ámbitos da empresa, a ciencia e a Administración

Lugo, 25 de novembro de 2025

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe a aposta do tecido industrial lucense “por avanzar cara un modelo moderno e sostible”, un desafío no que “seguirán contando coa colaboración da Xunta a través dunha ampla batería de axudas e programas orientados a apoiar a modernización, a dixitalización, a internacionalización, a innovación e a transición verde”.

Arias participou na clausura do foro Conecta Lugo sobre industrialización sostible, impulsado pola Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e pola Confederación de Empresarios lucense (CEL). A xornada serviu para intercambiar información e experiencias entre representantes dos ámbitos científico, da industria e da administración. Unha das relatoras foi a divulgadora científica Deborah García Bello.

O delegado subliñou que o modelo industrial lucense “combina sectores tradicionais moi sólidos con novas iniciativas baseadas na tecnoloxía, a eficiencia enerxética e a innovación”. Destacou como retos de futuro “seguir modernizando a nosa industria,  atraer novos investimentos, consolidar empresas que xa xeran emprego e riqueza e manter a colaboración entre todos os axentes do territorio”, uns obxectivos nos que “o empresariado atopará o acompañamento da Xunta”.

Reforzo dos apoios

Para iso, apuntou que se reforzarán os servizos da Oficina Económica de Galicia e potenciarase a rede de Polos de Emprendemento, co fin de axudar a empresas e emprendedores de todo o territorio.

Tamén seguirá en marcha o programa Conecta Lugo, con novas xornadas por toda a provincia “para ofrecer ás pemes apoio, orientación e oportunidades, tanto nas zonas urbanas como no rural”, dixo Arias.  Puxo tamén en valor o impulso da Xunta ao Campus Terra e destacou a importancia de seguir colaborando en accións que favorezan a transferencia de coñecemento dende a universidade en beneficio da innovación empresarial.

No mesmo sentido, indicou que o Goberno galego seguirá impulsando o desenvolvemento de solo industrial, con investimentos como os que está a realizar no polígono das Gándaras, ao que leva destinado 60 millóns de euros. Esta área industrial conta con máis de 130 empresas asentadas, e xa está formalizado e contrato de   redacción do proxecto de urbanización das fases VI y VII-B, que suman 352.153 metros cadrados. Ademais, están en marcha as obras das fases IV, V e VII-A, cunha superficie de 243.487 m2.

Por último, Arias lamentou que as medidas da Xunta para propiciar a industria e o emprego na provincia “contrastan coa acción do Goberno central, que con decisións como a de deixar a Lugo fóra dos plans de mellora da rede eléctrica non só lastra un proxecto concreto, senón que frea calquera iniciativa industrial no noso territorio”, concluíu.