- A delegada territorial da Xunta en Ferrol clausurou esta mañá esta cita que reúne desde onte nas instalacións do CIS Tecnoloxía e Deseño a numerosos expertos na materia
Ferrol, 27 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou hoxe o II Congreso Anual de Seguridade Industrial Galicia 2025 que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia desenvolve desde onte no CIS Tecnoloxía e Deseño, en colaboración coa Xunta de Galicia. Alí incidiu na relevancia de encontros coma este que “conectan profesionais, administracións e empresas e permítennos avanzar cara a un modelo industrial máis responsable e máis preparado para os desafíos de futuro”.
Durante a súa intervención, Aneiros aproveitou para poñer en valor o Plan extraordinario de medidas en materia de seguridade industrial que está a desenvolver o Goberno galego e que pon o foco na sensibilización e na promoción de boas prácticas, insistindo na necesidade de avanzar “non só na modernización do sector, senón tamén na protección das persoas, das empresas e do territorio”, dixo.
A delegada territorial tivo palabras de agradecemento ao Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia do que destacou a súa vontade colaboradora coa Administración autonómica “sempre imprescindible para avanzar cara a unha industria máis segura, máis innovadora e máis competitiva”, asegurou.
Rematou recoñecendo o traballo dos profesionais, empresas e entidades que participaron no congreso e reiterando o compromiso da Xunta co impulso de políticas e iniciativas que poñan en valor a industria como motor económico, xerador de emprego e garantía de futuro para o territorio.