- A delegada da Xunta visitou o parque empresarial de Bergondo beneficiario da orde para a mellora das súas Infraestruturas. Tamén recibiron estas achegas os parques empresariais de Curtis e Coirós
- A representante do Goberno autonómico explicou que estas axudas contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade
Bergondo (A Coruña), 17 de decembro de 2025
A delegada da Xunta Belén do Campo, visitou o polígono industrial de Bergondo acompañada polos representantes da súa comunidade de propietarios, para poñer en valor o apoio da Xunta aos polígonos industriais para potenciar a súa competitividade. Neste senso, puxo o parque empresarial de Bergondo como o mellor exemplo xa que, este ano, recibiu 120.000 euros da orde para a mellora das Infraestruturas dos parques empresariais.
A representante do Goberno autonómico destacou a importancia deste parque que conta 1.015.747 m2, 246 parcelas, 344 empresas e 3.500 traballadores con prácticamente o 100% de ocupación. Despois de case trinta anos de existencia o Polígono Industrial de Bergondo é considerado un dos recintos industriais máis prósperos e con maior índice de ocupación de toda a provincia de A Coruña e mesmo de toda Galicia.
Belén do Campo referiuse ao proxecto executado da orde para a mellora das Infraestruturas dos parques empresariais co que se levou a cabo a renovación do firme nunha zona especialmente deteriorada que comprende as rúas Parroquia de Guísamo, Parroquia de Lubre, Parroquia de Vixoi e Parroquia de Cortiñán. Neste caso o firme dos viais mencionados presentaban na súa capa de rodadura numerosos desperfectos debido ao uso intensivo con tráfico pesado, polo que se levaron a cabo obras de renovación da capa de rodadura das rúas citadas, así como a reparación dos marcos de formigón das arquetas e pozos que así o requiran nunha lonxitude de tramo de vía obxecto de solicitude de case un quilómetro
Orde Infraestruturas
A representante do Goberno autonómico explicou que obxecto desta orde é a mellora dos servizos e o acondicionamento de Infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que os negocios ubicados nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, fomentando así a implantación de empresas.
Neste senso, a delegada destacou que esta orde permitiu realizar tamén actuacións, ademais de en Bergondo, no polígono de Coirós con case 51.000 euros e en Curtis con 120.000 euros. En total, esta comarca recibiu máis 291.000 para a mellora dos viarios destes tres parques empresariais.
Na provincia da Coruña foron beneficiarios destas achegas 27 polígonos industriais por un importe de case 2,4 millóns de euros e a partida de achegas concedidas elévase ata os 5,6 millóns de euros en Galicia para modernizar as Infraestruturas de 72 parques empresariais.
Belén do Campo explicou que estas axudas contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Neste sentido, trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local.
A liña de apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queren realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas.