Cales son as principais obrigacións normativas a cumprir en 2025 segundo o tamaño da miña empresa?

Nunha contorna empresarial cada vez máis regulada, é fundamental que autónomos e empresas coñezan os seus deberes legais para evitar sancións e garantir unha xestión responsable. En 2025, tanto as empresas con persoal como aquelas sen persoas traballadoras (incluídos os autónomos) deben cumprir con normativas clave que afectan a ámbitos como a protección de datos, a prevención de riscos laborais, control horario ou igualdade. Ademais, certas actividades están suxeitas a requisitos específicos segundo o seu sector. 

Neste artigo repasamos os principais deberes normativos vixentes, diferenciando segundo o tamaño de empresa, para que poidas verificar se a túa organización está ao día. 

Empresas sen persoas traballadoras ou autónomos 

Aínda que non conten con persoal contratado, as empresas sen persoal e autónomos tamén deben cumprir con diversas obrigacións, entre as que destacan: 

Protección de datos persoais (LOPDGDD e RGPD) 

Calquera empresa ou autónomo que trate datos de clientes, provedores ou persoas usuarias (aínda que sexa só unha base de datos de contactos) está obrigada a cumprir coa normativa de protección de datos: análise de riscos, cláusulas de privacidade, contratos con encargados de tratamento, etc. 

Prevención de Riscos Laborais (PRL básica) 

Se desenvolven actividades con risco (como instalacións técnicas, obras, transporte…), deben cumprir cos principios de autoprotección e coordinación de actividades. 

Protocolo fronte ao acoso laboral e/ou sexual (Real Decreto 901/2020) 

Obrigatorio dende o ano 2021 para todas as empresas (independentemente do seu tamaño), con ou sen representación legal das persoas traballadoras. 

Obrigacións fiscais e contables 

Declaración censual, impostos, libros contables e calquera outra obrigación derivada do réxime fiscal aplicable. Por exemplo: Veri*Factu, factura electrónica… 

Licenzas e autorizacións sectoriais 

Por exemplo, licenzas municipais de actividade, rexistros sanitarios, declaracións ambientais, etc., se a actividade o require. 

Empresas con persoas traballadoras 

Todas as empresas con, polo menos, unha persoa empregada, están obrigadas a cumprir coa seguinte normativa, en principio, independentemente do seu tamaño (indicaremos os casos nos que non é así e requírese un tamaño mínimo): 

Protección de datos persoais (LOPDGDD e RGPD) 

Ademais dos datos de clientes e provedores, xestiónanse datos especialmente protexidos de persoas empregadas (saúde, nóminas, etc.), o que esixe cumprir con garantías adicionais. 

Prevención de Riscos Laborais (Lei 31/1995) 

Avaliación inicial de riscos, plan de prevención, vixilancia da saúde, formación, información e medidas preventivas. 

Rexistro retributivo (Real Decreto 902/2020 e Estatuto dos Traballadores) 

Todas as empresas deben dispoñer dun rexistro salarial actualizado, que inclúa información desagregada por sexo e grupo profesional. E as que teñan máis de 50 persoas empregadas ademais deben contar cunha “Auditoría Retributiva”. 

Control horario (Real Decreto-lei 8/2019) 

Dende 2019 é obrigatorio rexistrar diariamente a xornada laboral de cada persoa traballadora, independentemente do tipo de contrato ou xornada. No ano 2025 o rexistro horario incorpora cambios relevantes, entre os que está a obrigación do seu formato dixital. 

Canle interna de denuncias (Lei 2/2023) 

Obrigatorio para empresas a partir de 50 persoas traballadoras, aínda que é recomendable implantalo en empresas de menor tamaño como boa práctica de cumprimento e prevención de riscos reputacionais. 

Protocolo fronte ao acoso laboral e/ou sexual (Real Decreto 901/2020) 

Obrigatorio dende o ano 2021 para todas as empresas (independentemente do seu tamaño), con ou sen representación legal das persoas traballadoras. 

Protocolo de actuación para a atención do acoso ou a violencia contra as persoas LGTBI (Lei 4/2023 e Real Decreto 1026/2024) 

É obrigatorio, para as empresas de 50 ou máis persoas traballadoras, dispoñer dun Protocolo de actuación para a atención do acoso ou a violencia contra as persoas LGTBI. 

Plan de Igualdade (Real Decreto 901/2020) 

Obrigatorio para empresas con 50 ou máis persoas traballadoras. Implica diagnóstico, negociación coa representación legal das persoas traballadoras e rexistro en REGCON . Empresas menores de 50 persoas traballadoras poden elaboralo voluntariamente.  

Obrigacións sectoriais específicas (cando apliquen) 

Ademais das obrigacións xerais, hai normativas adicionais segundo o sector de actividade, como, por exemplo: 

Normativa sanitaria 

Para empresas do sector alimentario, educativo, sanitario ou estético (rexistro sanitario – REGASA, boas prácticas, formación hixiénico-sanitaria…). 

Normativa medioambiental 

Declaracións de envases (Ecoembes), residuos, emisións, cumprimento da responsabilidade ampliada do produtor (RAP), etc. 

Prevención do branqueo de capitais (Lei 10/2010) 

Obrigatoria para determinados sectores: asesorías fiscais e contables, inmobiliarias, xoierías, criptomoedas, comercio de arte, entre outros. 

Antes de finalizar, sinalarche que podes completar o contido deste artigo co destoutro Coñece as principais obrigacións laborais das empresas para unha contorna xusta e segura. 

É importante ter en conta que o marco normativo está en constante evolución, e cada ano incorpóranse novas obrigacións que afectan a distintos sectores e tipos de empresa. Exemplos recentes poden ser a normativa sobre a medición de gas radon en centros de traballo situados en zonas con potencial risco (que pode aplicarse a escolas, academias, centros deportivos ou locais a pé de rúa); ou a obrigación de contactar con sistemas de emisión de facturas verificables (VERI*FACTU); ou a nova normativa sobre o control horario das persoas traballadoras (na que se esixirá o control horario dixital, por exemplo). 

Por todo o anterior, resulta fundamental manterse informado e contar cun asesoramento actualizado que permita anticiparse aos cambios lexislativos e garantir o cumprimento normativo de forma proactiva.

Se necesitas asesoramento neste ámbito, recorda que podes solicitar o servizo de asesoramento de balde da Oficina Económica de Galicia.