Como coidar as redes sociais do teu negocio para que sexan un espazo seguro

As redes sociais son unha ferramenta clave para calquera empresa: permiten conectar co público, promocionar produtos e servizos, e construír unha marca forte. Pero tamén poden converterse nun punto débil se non se xestionan con criterios de seguridade, xa que os ataques poden supor perdas económicas, dano reputacional e perda de confianza por parte dos clientes. 

Desde a Oficina Economía de Galicia, explicámosche como protexer os perfís sociais da túa empresa e evitar riscos innecesarios. 

Principais ameazas para os perfís profesionais 

As redes sociais son unha porta de entrada para moitos ciberdelincuentes. Estes son algúns dos perigos máis frecuentes: 

  • Suplantación de identidade 

Os atacantes poden crear contas falsas que imiten a túa empresa, poñendo en risco a túa reputación e enganando aos teus seguidores. 

  • Phishing e enxeñaría social 

Mensaxes fraudulentas, enlaces sospeitosos ou peticións desde perfís que parecen reais… todo vale para roubar contrasinais ou información confidencial. 

  • Malware e contido malicioso 

Algunhas publicacións ou anuncios poden conter software malicioso que se activa ao facer clic. Isto pode afectar tanto aos administradores da conta como aos seguidores. 

  • Exposición innecesaria 

Publicar imaxes do interior da empresa, ubicacións en tempo real ou datos sensibles pode ofrecer pistas valiosas a posibles atacantes. 

Boas prácticas para xestionar redes sociais de forma segura 

Para garantir que os teus perfís profesionais sexan un espazo seguro, segue estas recomendacións:

1. Usa contrasinais seguros e actualízaos con frecuencia

Evita contrasinais evidentes, emprega claves longas e complexas, diferentes para cada conta, e cambiaas cada certo tempo.

2. Define claramente quen xestiona as contas

Evita que múltiples persoas accedan aos perfís sen control e establece responsables claros e protocolos de acceso.

3. Activa a verificación en dous pasos (MFA)

Engade unha capa adicional de seguridade requirindo unha segunda confirmación para acceder ás contas. 

4. Controla que información compartes

Evita publicar datos internos, información confidencial ou localizacións en tempo real sen necesidade. 

5. Revisa as solicitudes de contacto e as mensaxes

Desconfía de perfís sen actividade ou con comportamento sospeitoso. Non abras enlaces sen verificar a súa procedencia. 

6. Forma ao teu equipo en ciberseguridade

Un pequeno erro humano pode ter grandes consecuencias. É importante que quen xestiona as redes coñeza as ameazas máis habituais. 

7. Actualiza dispositivos e aplicacións

As actualizacións inclúen melloras de seguridade. Ter o software ao día é unha medida sinxela pero moi eficaz. 

As redes sociais son parte esencial da identidade das empresas na actualidade. Protexelas non só evita incidentes, senón que tamén transmite profesionalidade e confianza aos teus seguidores e clientes. 

Desde a Oficina Economía de Galicia, animámoste a revisar os protocolos de seguridade dixital da túa empresa e a aplicar estas medidas básicas. Porque coidar da túa comunidade en liña tamén é coidar do teu negocio. 

Se necesitas axuda nesta materia, recorda que podes solicitar o asesoramento gratuíto que ofrecemos desde a Oficina Económica de Galicia.