O tecido económico evoluciona, e con el tamén debe facelo a forma en que se clasifican as actividades profesionais. O Real Decreto 10/2025, do 14 de xaneiro, introduciu unha importante actualización na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE), un cambio que todos os autónomos, empresas e autorizados rede deben ter en conta antes do 30 de xuño de 2025.
Que é o CNAE e por que é tan importante?
O CNAE é un código numérico que identifica a actividade económica dun negocio ou profesional. Non ten finalidade fiscal, senón estatística, e permite a organismos como o INE coñecer e analizar a realidade económica do país.
Cando unha persoa se da de alta como autónomo ou empresa debe seleccionar un código CNAE que describa a súa actividade principal. Isto, aínda que as veces se confunda, non é o mesmo que o IAE (Imposto sobre Actividades Económicas), que si ten efectos tributarios, ámbolos códigos están relacionados, pero cumpren funcións distintas.
Por que se actualizou agora?
A última actualización dos códigos CNAE databa de 2009, polo que moitos sectores emerxentes non estaban debidamente reflectidos nese listado. A nova clasificación de 2025 responde á necesidade de adaptar a estrutura estatística á realidade económica actual, na que cobraron forza novas actividades vinculadas, por exemplo, á dixitalización, a sustentabilidade ou os servizos tecnolóxicos.
Que autónomos ou empresas deben comunicar cambios?
A Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS) detallou como proceder segundo o caso:
- Se o teu código CNAE de 2009 ten unha equivalencia directa cun de 2025, non necesitas facer nada: o cambio realízase de forma automática.
- Se o teu código antigo ten varias posibles equivalencias, deberás elixir o que mellor se adapte á túa actividade actual e comunicalo.
- Se a túa actividade cambiou ou non está ben clasificada, tamén deberás realizar a actualización manualmente.
A comunicación do novo código debe facerse a través do portal IMPORTASS antes do 30 de xuño de 2025.
Que ocorre se non realizo o cambio?
Aínda que na actualidade a TGSS non anunciou sancións específicas, non actualizar o CNAE pode xerar problemas noutros trámites, como a cotización á Seguridade Social ou a xestión dos seguros sociais. Lembremos que o CNAE pode influír en aspectos como o tipo de riscos cubertos ou o acceso a determinadas axudas ou bonificacións.
Como se realiza o trámite?
O proceso é completamente dixital e xestiónase desde o portal IMPORTASS, no apartado “Comunicación de código CNAE”. A autenticación pode realizarse mediante Cl@ve PIN ou Permanente, SMS (se está rexistrado o número na Seguridade Social) ou certificado dixital ou DNI electrónico.
Mesmo se o teu cambio se vai facer automaticamente, recoméndase acceder ao portal para comprobar que o código asignado é correcto.
Se tes algunha dúbida sobre como realizar o cambio, podes poñerte en contacto cos asesores da Oficina Económica de Galicia.