Intelixencia artificial ao servizo da agroalimentación e o forestal

A empresa Nova Industria Galega (Nigal), fundada en 2019 polos matemáticos Lara Neira e Adrián Sanjurjo, é unha firma ribandese especializada no tratamento e análise de datos que xeran as empresas a través do uso da intelixencia artificial

 

Nigal dedícase principalmente á análise de datos mediante algoritmos de machine learning que son alimentados con información extraída de sensores IoT (dispositivos que a través de internet se conectan con outros dispositivos parar enviar ou recibir información) e dos propios usuarios, os cales logo son incorporados nas plataformas que deseñan a medida para obter un beneficio para o cliente.

Un dos seus principais casos de éxito é Libatio, un sistema formado por un tapón intelixente e unha plataforma web e móbil que se conecta a dito tapón e axuda a optimizar o proceso de maduración do viño en barricas de madeira. Desenvolvido en colaboración coa empresa viguesa SC Robotics e co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), grazas a Libatio os clientes de Nigal poden ter o control en todo momento das súas barricas e, deste xeito, reducir as diminucións por evaporación ata nun 66%, así como estandarizar o produto e mellorar a calidade do mesmo.

Nigal desenvolveu tamén outras aplicacións que se usan no ámbito pesqueiro, os concellos e os maderistas. Neste último caso, a plataforma Notifor implica un primeiro paso na dixitalización da industria forestal. Consiste nunha aplicación para dispositivos móbiles intuitiva desenvolvida para LugoMadera, que xa usan madeiristas de toda a provincia, que lles permite informar aos Concellos en tempo real das curtas que realizan, as súas actividades no monte, referencias catastrais e enviar fotografías sobre o estado das estradas, antes e despois das curtas.

O principal obxectivo de Nigal é democratizar o uso da intelixencia artificial, con aplicacións e solucións para todo tipo de empresas, tamén pemes. As melloras que se producen coas aplicacións que tratan os datos que xeran as empresas evidéncianse en tres eixos: dixitalización, monitorización e optimización. No caso do proxecto Libatio, para as adegas de viño, as melloras que se logran son as seguintes: no ámbito da dixitalización, o produtor ten ao seu alcance variantes como a presión ou a humidade das barricas. Coa monitorización, o enólogo pode comprobar cun só clic o valor das variables das súas barricas. E a optimización conséguese porque cos modelos matemáticos pódese valorar o impacto das diferentes variables climáticas na evaporación do viño e recomendar actuar sobre elas para reducir as diminucións.

Finalmente, cabe destacar que conta con outra aplicación para xestionar a recollida de residuos en cidades e pobos. Con ela xeolocalízanse os contedores e papeleiras nun mapa interactivo e repórtanse as incidencias que van xurdindo. A dixitalización desta información permite dar resposta aos problemas no servizo de recollida (á escaseza ou o mal estado dos contedores) dunha maneira máis ampla.