Joint venture ou franquía, que modelo encaixa mellor para medrar sen poñer en risco a túa marca?

Queres expandir o teu negocio sen asumir todo o investimento? Estás pensando en colaborar con outra empresa para chegar a novos mercados? Ou quizais buscas facer medrar a túa marca a través doutros negocios sen perder o control do que che diferencia?

Moitas pemes e persoas autónomas chegan a este punto sen ter claro que fórmula pode encaixar mellor co seu proxecto. Termos como joint venture ou franquía aparecen cada vez con máis frecuencia, aínda que detrás deles existen diferenzas importantes.

A simple vista, ambos modelos teñen algo en común, o de colaborar con terceiros para facer medrar un negocio. Porén, a nivel empresarial, legal e mesmo estratéxico, funcionan de maneira moi distinta e hai un aspecto especialmente importante que moitas pequenas empresas pasan por alto, como protexer a marca, o know how ou os procesos propios antes de compartir o negocio con outras persoas ou empresas.

Que é unha joint venture ou colaboración empresarial?

Unha joint venture é unha colaboración entre dúas ou máis empresas para desenvolver un proxecto concreto, compartir recursos ou acceder a novas oportunidades de negocio.

Non implica necesariamente crear unha empresa nova, aínda que ás veces pode facerse. O habitual é que cada parte achegue algo diferente, tecnoloxía, coñecemento, clientes, capacidade produtiva, distribución ou financiamento.

Por exemplo, unha pequena empresa galega cun produto innovador pode asociarse cun distribuidor doutro país para acceder a un mercado internacional sen asumir soa todos os riscos nin custos da expansión.

Neste tipo de acordos, ambas partes adoitan participar activamente nas decisións e nos beneficios, polo que a confianza e a protección contractual resultan fundamentais.

E que diferencia unha franquía?

No caso dunha franquía, o funcionamento é distinto. Aquí existe unha empresa principal que permite a terceiros explotar o seu modelo de negocio baixo unhas condicións concretas.

O franquiciado pode utilizar:

  • a marca
  • a imaxe corporativa
  • os procesos internos
  • os métodos de traballo
  • o coñecemento da empresa

A cambio, adoita pagar unha cantidade inicial e/ou royalties periódicos.

É dicir, a franquía non busca tanto unha colaboración entre iguais, senón replicar un modelo empresarial xa probado mantendo unha identidade común.

Isto é habitual en sectores como hostalaría, estética, alimentación, formación ou servizos.

A principal diferenza está no control e independencia

Un dos aspectos máis importantes para entender ambos modelos é o nivel de control.

Nunha joint venture, as empresas colaboran mantendo normalmente a súa identidade e independencia. As decisións adoitan compartirse e o proxecto constrúese de forma conxunta.

Nunha franquía, pola contra, existe unha maior dependencia da marca principal. O franquiciado debe seguir directrices concretas sobre imaxe, funcionamento, atención ao cliente ou comunicación.

Por iso, antes de elixir unha fórmula ou outra, convén analizar cuestións como:

  • canto control se quere manter
  • ata onde se vai compartir información interna
  • que nivel de autonomía terá cada parte
  • que riscos pode haber para a marca ou o coñecemento propio

Onde entra a protección da innovación?

Aquí é onde moitas pemes cometen erros importantes.

Cando unha empresa comparte procesos internos, tecnoloxía, deseños, software, receitas, metodoloxías ou estratexias comerciais sen protección suficiente, pode perder parte do valor diferencial que a fai competitiva.

Por iso, antes de iniciar unha colaboración empresarial, é recomendable revisar cuestións como:

  • o rexistro da marca
  • a protección do know how
  • os acordos de confidencialidade
  • os contratos de uso da propiedade intelectual
  • a protección de deseños ou desenvolvementos propios

No caso das franquías, por exemplo, a marca convértese nun dos activos máis valiosos. Se non está correctamente rexistrada, a empresa pode atoparse con problemas legais ou limitacións para crecer.

Nas joint ventures, pola súa parte, resulta fundamental deixar claro desde o inicio quen é titular da información, da tecnoloxía ou das posibles innovacións que poidan xurdir durante a colaboración.

Os erros máis habituais

Moitas pequenas empresas céntranse unicamente na oportunidade de negocio e deixan para máis adiante aspectos clave da protección empresarial.

Entre os erros máis frecuentes están:

  • compartir información sensible sen acordos previos
  • pensar que rexistrar a sociedade xa protexe a marca
  • non regular correctamente o uso do coñecemento
  • non definir quen pode utilizar determinados activos no futuro
  • confiar exclusivamente en acordos verbais

Cando o proxecto funciona ben, estes detalles poden parecer secundarios. O problema aparece normalmente cando xorden desacordos, cambios de socios ou expansións do negocio.

Non o dubides e obtén asesoramento gratuito por parte dos expertos da Oficina Económica de Galicia.