Lorenzana aborda cos empresarios de Mos as necesidades de solo industrial no concello

  • Destaca que ata o 2030 a Xunta porá a disposición das empresas case 12 millóns de m2 en polígonos industriais cun investimento de máis de 440 millóns de euros
  • Trasladoulles tamén os avances na tramitación do polígono empresarial de Mos-Redondela

Mos (Pontevedra), 30 de outubro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abordou hoxe coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e cun grupo de empresarios, as necesidades de solo industrial deste municipio pontevedrés.

No encontro, Lorenzana aproveitou tamén para trasladarlles “os avances na tramitación do polígono empresarial de Mos-Redondela co obxectivo de coñecer as necesidades e os proxectos das empresas e adaptar o desenvolvemento do solo neste parque”, dixo.

Neste marco, a conselleira sinalou que os investimentos precisan espazo onde instalarse, con condicións axeitadas de superficie, servizos, subministracións e accesos. Así, apuntou que agora mesmo na provincia de Pontevedra están en tramitación, urbanización ou execución máis de 3 millóns de m2  en polígonos industriais cun investimento de 138,6 millóns de euros.

Ademais, explicou que Galicia está facendo a maior aposta polo desenvolvemento de solo industrial público co maior orzamento da historia de Xestur para poñer a disposición das empresas case 12 millóns de m2  de solo cun investimento de máis de 440 millóns ata 2030.

Por outra banda, a titular de Economía e Industria lembrou que nas vindeiras semanas comezará un proxecto piloto de autoconsumo da sociedade Recursos de Galicia-RDG a través do Concello de Mos para abaratar a factura eléctrica das industrias de Mos.