Ribeira (A Coruña), 3 de novembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abordou hoxe coa alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e cun grupo de empresarios, os avances na tramitación do futuro polígono industrial do municipio coruñés.
Lorenzana explicou que xa se adxudicou a actualización do proxecto de urbanización que permitirá desenvolver este ámbito e dotar de máis solo empresarial ao concello. Deste xeito, lembrou que a previsión da Xunta é comezar este ano co proceso de licitación das obras de construción do novo parque que terá case 260.000 m2 de superficie.
Segundo expuxo, trátase de adaptar o proxecto que xa existía ás necesidades reais de execución e aos criterios técnicos e económicos que rexerán a posterior licitación das obras; e facilitar ademais, unha coordinación maior entre a redacción do proxecto, a contratación das obras e a súa futura execución. Esta é unha das actuacións incluídas nos 4,2 millóns de m2 que están agora mesmo en tramitación, urbanización ou execución na provincia da Coruña.