Lorenzana destaca as capacidades tecnolóxicas de Televés para formar parte da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo

  • O que se prevé é que en 2026 se publique a primeira convocatoria de licitación, dotada con 83 M€, para definir que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento coa Xunta de Galicia nos vindeiros cinco anos

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe as capacidades tecnolóxicas de Televés, a quen convidou a formar parte da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo da Xunta, que busca promover novos proxectos e investimentos industriais nestes sectores.

Lorenzana reuniuse esta tarde co conselleiro delegado da compañía especializada no deseño, fabricación e comercialización de equipos de telecomunicacións, Gonzalo Redondo, dentro da rolda de contactos que vén mantendo con diferentes empresas para identificar os obxectivos de investimento da industria da defensa, a seguridade e o aerospazo en Galicia.

Coa estratexia deseñada pola Xunta para estes sectores, que vai contar cun investimento de 183 millóns de euros de aquí a 2030, o que se persegue é impulsar o crecemento das empresas que conforman esta industria na comunidade, atraer cara a ela outras novas, e reforzar as capacidades tecnolóxicas e produtivas de Galicia neste eido.

O que se prevé é que en 2026 se publique a primeira convocatoria de licitación, dotada con 83 millóns de euros, para definir que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento coa Xunta de Galicia nos vindeiros cinco anos.

Polo de agora, dentro do diálogo estratéxico que se abriu coa industria, identificáronse 79 proxectos de investimento, dos que 40 deles están relacionados coa ampliación ou instalacións de novas cadeas de produción en Galicia.

A comezos do vindeiro ano, ademais, tamén se publicarán dúas convocatorias de axudas que suman 8 millóns de euros para apoiar o posicionamento das empresas galegas como subministradoras de tecnoloxía de defensa e seguridade, e para o desenvolvemento e industrialización de produtos e sistemas baseados en tecnoloxías duais.