- Avanza que a previsión é que as obras de urbanización, licitadas por 11,2 millóns de euros, comecen a mediados do próximo ano para que os máis de 300.000 m² de superficie ampliada, distribuídos en 42 parcelas, estean á disposición das empresas en 2028
Lalín (Pontevedra) 22 de novembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a Xunta ven de autorizar a licitación das obras de urbanización da cuarta fase do polígono industrial Lalín 2000, que vai permitir ampliar a súa superficie en case un 60 por cento cun investimento total de máis de 22 millóns de euros.
Lorenzana, xunto co secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na IX Xuntanza Empresarial Aedeza. Alí avanzou que a previsión é que as obras, licitadas por 11,2 millóns de euros, comecen a mediados do próximo ano para que os máis de 300.000 m² de superficie ampliada, distribuídos en 42 parcelas, estean á disposición das empresas en 2028.
“Cando se trata de poñer máis solo industrial á disposición do tecido empresarial, que é no que estamos traballando a fondo na Xunta, é fundamental que todas as administracións rememos na mesma dirección”, dixo, para agradecer a disposición a colaborar amosada polo Concello de Lalín.
Segundo recoñeceu, “é unha obra histórica para Lalín e a Xunta non podía fallar; máis ben, fixemos todo o posible para acelerar ao máximo este proceso e que a cuarta fase se puidese facer toda dunha vez”, engadiu.
Na súa intervención ante as empresas premiadas nesta edición, Lorenzana tamén sinalou que a Xunta quere estar “ao lado de quen fai crecer as nosas vilas e cidades”, que os pequenos empresarios que cada día se poñen á fronte do seu negocio, dixo. “Non se trata só de desenvolver políticas de captación de investimento industrial e grandes proxectos empresariais; trátase, tamén, de estar ao carón dos autónomos e das pequenas e medianas empresas, que son a columna vertebral do noso tecido produtivo”, asegurou.
Lorenzana indicou que a innovación, a internacionalización, a sustentabilidade, están na axenda de todo proxecto empresarial por pequeno ou grande que sexa. E, nese sentido, concluíu que a Xunta traballa para poñer á súa disposición as liñas de apoio axeitadas e os servizos da Oficina Económica de Galicia, no Igape, para calquera consulta que queiran trasladar.