- “Galicia ten que estar aí, entre esas empresas que demandan máis traballadores, que xeran máis economía e emprego industrial neste sector”, di
- Salienta que a Xunta é a primeira Administración en subvencionar un curso formativo destas características
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a liña de axudas para certificacións no sector da defensa xa recibiu en menos dun mes, desde que abriu o pasado 13 de febreiro, 22 solicitudes que suman máis da metade do seu orzamento, que é de 1,5 millóns de euros.
Lorenzana, acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe na presentación do Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, cofinanciado pola Xunta e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI) e que conta, tamén, coa colaboración da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE).
Segundo dixo, Galicia é a primeira Administración do Estado que subvenciona un curso formativo destas características para profesionais e directivos de empresas galegas con potencial de acceso ao sector da defensa, participantes ou aspirantes a concorrer a programas europeos, consorcios internacionais ou proxectos duais que queiran coñecer polo miúdo a súa gobernanza, sistemas de financiamento ou a súa estrutura contractual.
Celebrarase na EGAP entre abril e setembro deste ano cun formato presencial e en liña, e conta con docentes que son expertos coñecedores do sector da defensa e a seguridade, ben desde o ámbito institucional ou empresarial. As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do próximo luns 9 de marzo ata o 23 dese mesmo mes na páxina web da EOI (https://www.eoi.es/).
Con respecto á liña de certificacións, ofrece axudas máximas de ata 75.000 euros para aquelas empresas que buscan posicionarse como subministradoras no sector da defensa e teñen que cumprir cuns requisitos básicos de certificacións, homologacións ou cualificacións necesarias. ”O noso interese está en facilitar que as empresas teñan esa capacidade para dar o salto ao sector da defensa”, dixo, para subliñar: “Galicia ten que estar aí, entre esas empresas que demandan máis traballadores, que xeran máis economía e emprego industrial neste sector” no que “non é unha utopía pensar que podemos lograr un desenvolvemento industrial importante”, afirmou. Ao respecto, sinalou que “a formación é un elemento que ten que estar en toda esta estratexia”.
Lorenzana aproveitou este contexto para poñer en valor que “Galicia está nun moi bo momento industrial”. Así, salientou que o emprego na industria está en cifras récord, con 192.300 persoas ocupadas e un crecemento que xa supera en case catro puntos a media de España. E tamén destacou que a comunidade vén de rexistrar a segunda maior suba da produción industrial en xaneiro en España, cun 1,9 por cento que contrasta coa caída a nivel estatal (-2,7 por cento).