Lorenzana prosegue con Airbus a rolda de contactos con empresas que poidan participar na Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo da Xunta

  • O obxectivo céntrase en abrir as cadeas de valor de Airbus a outros contratistas galegos e en apoiar aos seus provedores para ampliar as súas capacidades de produción nos vindeiros cinco anos, favorecendo, así, novos proxectos en común
  • Airbus é líder mundial en construción de aeronaves civís e militares e é un dos socios estratéxicos e industriais da Xunta desde a posta en marcha do parque empresarial de Rozas (Lugo), cunha rede consolidada de empresas galegas que traballan como provedoras de tecnoloxía para a compañía
  • A Xunta vai lanzar en 2026 unha nova licitación dotada con 83 millóns de euros para financiar novos programas conxuntos de I+D entre empresas tractoras e provedores galegos

Madrid, 26 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con responsables de Airbus en España onde amosou o interese da Xunta por que a compañía siga colaborando coa Administración autonómica no desenvolvemento da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo.

Airbus é líder mundial en construción de aeronaves civís e militares e é un dos socios estratéxicos e industriais da Xunta desde a posta en marcha do parque empresarial de Rozas (Lugo), cunha rede consolidada de empresas e centros galegos que traballan como provedoras de tecnoloxía para a compañía.

Na xuntanza, que se celebra dentro da rolda de contactos que a Consellería de Economía e Industria vén mantendo con empresas vinculadas ao sector da Seguridade, a Defensa e Aerospazo, púxose de manifesto o interese do Goberno galego por dar continuidade a esta colaboración no marco da estratexia deseñada para dar impulso a esta industria en Galicia.

O obxectivo céntrase en abrir as cadeas de valor de Airbus a outros contratistas galegos e en apoiar aos seus provedores para ampliar as súas capacidades de produción nos vindeiros cinco anos, favorecendo, así, novos proxectos en común.

Ao respecto, cómpre sinalar que, no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo, a Xunta vai lanzar en 2026 unha nova licitación dotada con 83 millóns de euros para financiar novos programas conxuntos de I+D entre empresas tractoras e provedores galegos. Ademais, tamén a comezos do vindeiro ano publicaranse dúas convocatorias de axudas que suman 8 millóns de euros para apoiar o posicionamento das empresas galegas como subministradoras de tecnoloxía de defensa e seguridade, e para o desenvolvemento e industrialización de produtos e sistemas baseados en tecnoloxías duais.