Como mellorar a competitividade da túa peme a través da dixitalización e as melloras operativas en procesos e servizos, e como me pode axudar a oficina económica de galicia

Nun mercado cada vez máis volátil, incerto, complexo e ambiguo, as empresas enfróntanse a constantes retos para ser competitivas e crecer de forma sostible. A clave do seu éxito, en gran medida, radica na capacidade de adaptarse aos cambios e optimizar as súas operacións mediante a adopción de solucións tecnolóxicas, a análise de datos e control de procesos ou a reorganización e procura da eficiencia operativa.

Neste contexto, o asesoramento gratuíto no ámbito das operacións da Oficina Económica de Galicia está orientado a apoiar as empresas na dixitalización da súa actividade e prestación de servizos, reorganizando e fomentando a eficiencia operativa, a análise de datos, o control de procesos, así como a adopción de solucións tecnolóxicas adecuadas e adaptadas ás túas necesidades. Así, os servizos de apoio poderían clasificarse en 3 áreas:

1. ANÁLISE DE DATOS E CONTROL DE PROCESOS

 a) Cadro de mando integral (ou dashboard) e outras ferramentas de BI

Axudámoste no proceso de identificación do mellor sistema para visualizar métricas clave dunha soa ollada, permitíndoche tómaa decisións áxiles e informadas. Estes cadros de mando proporcionan unha visión clara do rendemento operativo e facilitan o seguimento dos obxectivos. Tamén podemos orientarche sobre ferramentas de análise preditiva, informes automatizados, etc.

 b) Sistemas de mellora de procesos

Dende a implementación de metodoloxías como Lean Management, ata o uso de ferramentas de análises de datos e business Intelligence, podemos axudarche a identificar actividades que achegan un valor limitado á túa PEME, impulsando que as operacións se desenvolvan de maneira máis fluída e eficiente.

2. ADOPCIÓN DE SOLUCIÓNS TECNOLÓXICAS

a) Apoio na implantación de solucións dixitais para a xestión de procesos

Ofrecemos asesoramento ás PEMES na selección de ferramentas tecnolóxicas (como ERP, CRM, sistemas de xestión documental, SGA…); acompañamento na adopción de solucións dixitais orientadas a impulsar a eficiencia operativa, reducir custos e mellorar a competitividade; adaptándonos ás necesidades específicas de cada negocio nunha contorna empresarial en constante cambio.

b) Xestión colaborativa de proxectos e tarefas.

Apoiamos as PEMES na implantación de plataformas dixitais deseñadas para a planificación e seguimento de proxectos e tarefas, que non só melloran a organización, senón que tamén promoven a optimización de procesos. Estas ferramentas son esenciais para o traballo colaborativo e o seguimento de actividades. Desde a Oficina Económica de Galicia podémosche axudar e orientar na selección de ferramentas que cubran as túas necesidades neste ámbito (SharePoint, Teams, Power Automate, Trello, Slack, Notion…).

3. REORGANIZACIÓN E EFICIENCIA OPERATIVA

a) Detección de melloras a curto prazo

Ofrecémosche apoio na realización dun diagnóstico rápido das operacións da empresa, orientado a identificar oportunidades de mellora que poden implementarse de maneira inmediata, xerando un impacto positivo sen necesidade de grandes investimentos.

b) Adaptación a novos produtos ou servizos

Orientámoste na realización de axustes de procesos, a formación do persoal ou a procura de produtos complementarios.

Entón Como me pode axudar a Oficina Económica de Galicia no ámbito OPERACIÓNS?

O ámbito de apoio e asesoramento en operacións da Oficina Económica de Galicia está deseñado para apoiar á túa empresa en todas as áreas comentadas, proporcionándoche solucións áxiles e personalizadas que se axusten ás túas necesidades específicas. Así, os expertos involucrados no programa traballarán de cerca coa túa empresa para analizar as túas operacións, identificar áreas de mellora e deseñar unhas estratexias efectivas de implementación.

Este enfoque de apoio integral inclúe:

  • Diagnóstico: Unha breve avaliación das operacións actuais da túa empresa.
  • Deseño de solucións: Propostas específicas para abordar os desafíos identificados.
  • Implementación guiada: Acompañamento na adopción de novas tecnoloxías, procesos ou estruturas.
  • Seguimento: Apoio na avaliación para asegurar que as melloras implementadas xeren os resultados esperados.

 

Non o dubides solicita o asesoramento dos nosos expertos do ámbito de operacións.