Moitas empresas crean contidos a diario sen pararse a pensar como poden protexelos. Saber que ferramentas existen e cal é a adecuada en cada caso é clave para non perder o control sobre o que se crea.
Crear contido forma parte do día a día de moitas pemes. Un vídeo para redes sociais, unha campaña con ilustracións propias, unha guía descargable ou mesmo unha peza musical para unha marca son exemplos cada vez máis habituais. Sen embargo, cando chega o momento de protexer ese traballo, xorden as dúbidas.
É frecuente pensar que todo aquilo que ten valor pode rexistrarse como unha patente, pero a realidade é diferente. A lexislación deixa claro que as creacións artísticas, literarias ou estéticas non se consideran invencións. Isto inclúe desde fotografías ata vídeos, textos, música ou ilustracións. Tampouco se poden patentar ideas, métodos ou xogos en abstracto, por moito potencial que teñan.
Isto non significa que queden desprotexidas. Simplemente, a súa protección non pasa pola propiedade industrial, senón pola propiedade intelectual. É aquí onde entran en xogo os dereitos de autor, que recoñecen quen está detrás dunha obra e permiten decidir como se utiliza, se se comparte ou se se explota economicamente.
Hai un matiz importante que convén ter presente, o que se protexe é a forma na que esa idea se materializa. Un concepto pode ser replicado, pero a maneira concreta de expresalo, un texto, unha composición musical, unha ilustración ou un vídeo, si ten protección. É nese detalle onde reside o valor diferencial e tamén a súa defensa.
Moitas empresas non son conscientes de que boa parte do seu valor está precisamente aí, neses contidos que crean para comunicarse cos seus clientes. Unha identidade visual, unha campaña creativa ou un material formativo poden converterse en activos clave se se xestionan correctamente.
En España, ademais, é importante diferenciar ben os dous sistemas existentes. A protección das marcas, patentes ou deseños tramítase a través da Oficina Española de Patentes y Marcas, mentres que os dereitos de autor se inscriben no Registro de la Propiedad Intelectual. Escoller a vía adecuada evita erros e garante que cada creación teña a protección que lle corresponde.
Aínda que os dereitos de autor nacen co propio acto de crear, rexistrar a obra achega unha seguridade adicional. Permite demostrar a autoría con maior facilidade e ofrece máis ferramentas no caso de que alguén utilice ese contido sen permiso. Para unha peme, isto pode marcar a diferenza entre manter o control do seu traballo ou perdelo.
Protexer a innovación tamén significa saber identificar que tipo de creación temos entre mans. Porque non todo se pode patentar, pero iso non quere dicir que non teña valor nin que non deba protexerse. En moitos casos, a clave está en algo tan cotián como un vídeo, unha imaxe ou un texto… e en saber como defendelo.
Neste proceso de validación, contar cunha visión externa e técnica resulta determinante. Dispoñer de asesoramento personalizado, como o que ofrece a Oficina Económica de Galicia, pode ser a peza clave para unha implementación exitosa.