O erro máis caro non é copiar unha marca; é descubrir demasiado tarde que a copia existe

Poñerlle nome a unha empresa ou a un novo produto adoita ser un dos momentos máis ilusionantes de calquera proxecto empresarial. Tras semanas, ou incluso meses, de traballo, chega o momento de presentar a marca ao mercado, deseñar o logotipo, lanzar a páxina web, abrir perfís nas redes sociais e comezar a captar clientes.

Con frecuencia, toda esa estratexia constrúese arredor dun nome que gusta, transmite os valores da empresa e parece dispoñible. Pero existe un erro que segue repetíndose con demasiada frecuencia, o de asumir que, se ninguén coñecido utiliza ese nome, tamén pode empregarse legalmente.

A realidade é moi diferente. Unha marca pode estar rexistrada aínda que a empresa non opere na mesma cidade, non teña presenza en internet ou sexa pouco coñecida. Utilizala sen realizar as comprobacións necesarias pode provocar importantes problemas legais e económicos.

Por iso, antes de investir nunha identidade corporativa, convén asegurarse de que realmente se pode utilizar.

Un erro máis frecuente do que parece

É habitual que persoas autónomas e pequenas empresas escollan un nome tras comprobar simplemente que o dominio de internet está libre ou que non atopan referencias en Google. Con todo, ningunha destas comprobacións garante que a marca estea dispoñible.

Os dereitos sobre unha marca nacen do seu rexistro, non da súa popularidade. Isto significa que unha empresa pode ser titular dunha marca perfectamente válida aínda que teña pouca presenza comercial ou desenvolva a súa actividade noutra comunidade autónoma ou mesmo noutro país, dependendo do ámbito de protección.

Imaxinemos unha empresa do sector da alimentación que acaba de lanzar unha nova gama de produtos. Investiu no deseño do envase, fabricou miles de unidades, distribuíunas aos seus clientes e puxo en marcha unha campaña de publicidade. Se meses despois recibe unha reclamación porque a súa marca entra en conflito cunha anterior, pode verse obrigada non só a cambiar o nome, senón tamén a retirar os produtos do mercado, redeseñar todos os envases, volver imprimilos e actualizar a súa comunicación. Un problema que, ademais do impacto económico, pode atrasar o lanzamento comercial e afectar á confianza dos seus clientes.

Non é necesario copiar exactamente unha marca

Existe a crenza de que só hai problema cando dúas marcas son idénticas. Sen embargo, a normativa en materia de propiedade industrial vai máis aló xa que o conflito pode aparecer cando existe risco de confusión para o consumidor.

É dicir, unha marca pode vulnerar os dereitos doutra aínda que cambie algunhas letras, modifique o deseño do logotipo ou empregue cores diferentes. O que se analiza é se un consumidor medio podería pensar que ambos produtos ou servizos proceden da mesma empresa ou de empresas vinculadas.

Por exemplo, pequenas variacións na denominación, unha pronunciación similar ou unha identidade gráfica moi próxima poden ser suficientes para xerar un conflito.

Cando adoitan aparecer os problemas?

Un dos aspectos máis preocupantes destes conflitos é que adoitan manifestarse cando a empresa xa realizou boa parte do investimento.

É frecuente que todo pareza funcionar correctamente durante os primeiros meses e que o problema apareza máis adiante, cando a actividade empresarial comeza a gañar visibilidade.

As situacións máis habituais son:

  • Durante a solicitude de rexistro da marca, cando un terceiro presenta unha oposición.
  • Ao lanzar unha tenda en liña ou unha páxina web.
  • Ao vender en plataformas dixitais ou marketplaces.
  • Ao participar nunha feira nacional ou internacional.
  • Durante un proceso de expansión comercial.
  • Ao iniciar a exportación dos produtos.
  • Cando unha empresa titular dunha marca anterior detecta o seu uso e presenta unha reclamación.

Nese momento, o custo da rectificación adoita ser moito maior que o que suporía ter realizado unha análise previa.

Como reducir o risco antes de lanzar unha marca?

A boa noticia é que estes problemas poden previrse con relativa facilidade se se incorporan determinadas comprobacións ao proceso de creación da marca.

Antes de iniciar a súa utilización resulta recomendable:

  • Realizar unha busca previa nas bases oficiais de marcas rexistradas.
  • Analizar non só as marcas idénticas, senón tamén aquelas que presenten semellanzas gráficas, fonéticas ou conceptuais.
  • Comprobar que a protección se solicita nas clases de produtos e servizos adecuadas.
  • Valorar o ámbito territorial no que se desenvolverá a actividade, tanto actual como futura.
  • Revisar a dispoñibilidade do dominio de internet e dos principais perfís nas redes sociais.
  • Solicitar asesoramento especializado cando existan dúbidas sobre a viabilidade do rexistro.

Estas actuacións permiten detectar posibles obstáculos antes de realizar investimentos importantes en comunicación e comercialización.

A prevención sempre resulta máis rendible

Construír unha marca require tempo, creatividade e investimento. É un dos activos máis valiosos dunha empresa porque concentra a súa identidade, a súa reputación e a confianza dos clientes. Precisamente por iso, convén asegurarse de que esa identidade pode utilizarse con plenas garantías antes de presentala ao mercado.

Copiar unha marca, ou utilizar unha demasiado parecida sen ser consciente diso, pode traducirse en custos económicos, perda de tempo e importantes problemas comerciais. Pola contra, realizar unha análise previa e planificar correctamente a protección da marca é unha decisión sinxela que achega seguridade xurídica e permite que a empresa poida crecer sobre unha base sólida.

Dispoñer de apoio personalizado, como o que ofrece a Oficina Económica de Galicia, pode ser clave para unha implementación exitosa. Solicita asesoramento especializado gratuíto e aproveita os recursos dispoñibles para impulsar o teu negocio.