O papel do capital-risco no desenvolvemento empresarial: vantaxes e oportunidades

O capital-risco defínese como a estratexia de inversión que canaliza financiamento de forma directa ou indirecta a empresas, maximizando o valor destas empresas a través da xestión e asesoramento profesional, co obxectivo posterior de desinvestir na mesma para achegar elevadas plusvalías aos inversores.

As entidades de capital-risco obteñen capital dunha serie de inversores mediante unha actividade comercial, cuxo fin mercantil é xerar ganancias ou rendementos para estes inversores.

O seu obxecto principal é a toma de participacións temporais no capital de empresas de natureza non inmobiliaria nin financeira, que non coticen no primeiro mercado de bolsas de valores ou en calquera outro mercado regulado equivalente da Unión Europea ou do resto de países membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico.

O capital-risco habitualmente se fixa en proxectos empresariais novos ou en empresas cun alto potencial de crecemento e innovadoras, ás que achega fondos a cambio de adquirir unha porcentaxe das súas participacións, pasando así a ter parte do control de dirección.

O obxectivo non é permanecer na empresa indefinidamente, senón retirarse do negocio unha vez que se incrementa o valor da empresa e se obtén a rendibilidade esperada.

As principais características do capital-risco son as seguintes:

  • Actividades das entidades: toma de participacións temporais no capital de empresas. Estas non poden ser empresas financeiras, inmobiliarias ou que coticen no primeiro mercado de Bolsas de valores.
  • Actividades complementarias das entidades: facilitar préstamos participativos; outras formas de financiamento, só para sociedades participadas que formen parte do coeficiente obrigatorio de inversión; actividades de asesoramento ás empresas (nas entidades de capital-risco-peme esta actividade é un requisito obrigatorio).
  • Límite á comercialización das súas accións ou participacións: a clientes profesionais ou inversores que invistan como mínimo 100.000 euros e declaren por escrito que coñecen os riscos; ou a entidade de capital-risco cotice en bolsa de valores; que adquiran as accións os administradores, directivos ou empregados da sociedade xestora ou de entidades autoxestionadas.
  • Teñen un coeficiente obrigatorio de inversión do seu activo.
  • As entidades están obrigadas a incluír no seu nome a denominación respectiva: as “sociedade de capital-risco”, “fondo de capital-risco”, “sociedade de capital-risco-peme”, “fondo de capital-risco-peme” e “sociedade xestora de entidades de inversión de tipo cerrado”, ou as súas abreviaturas “SCR”, “FCR”, “SCR-Peme”, “FCR-Peme” e “SGEIC”.

Tipos de sociedades que poden adoptar estas entidades:

Sociedades de Capital-Risco (SCR)

Son entidades de capital-risco coa forma dunha sociedade anónima.

O capital mínimo é de 1.200.000 euros (900.000 para as ECR-Peme), desembolsado o 50% no momento da súa constitución.

Pode actuar ela mesma como sociedade xestora (sociedade autoxestionada) ou pode recoller nos seus estatutos sociais a posibilidade de que a xestión dos seus activos sexa realizada por unha SGEIC o unha SGIIC.

Fondos de Capital-Risco (FCR)

Os fondos son patrimonios separados sen personalidade xurídica, pertencentes a unha pluralidade de inversores.

O patrimonio comprometido mínimo, no momento da súa constitución, será de 1.650.000 euros.

Os partícipes do fondo non responden polas débedas do fondo senón ata o límite do patrimonio do mesmo. O patrimonio do fondo non responderá polas débedas dos partícipes nin das sociedades xestoras.

Sociedades de Inversión Colectiva de tipo cerrado (SICC) e Fondos de Inversión Colectiva de tipo cerrado (FICC)

As aportacións para a constitución inicial e as posteriores do patrimonio dos FICC se realizarán exclusivamente en efectivo.

Sociedades Xestoras de Entidades de Inversión Colectiva de tipo cerrado (SGEIC)

Son sociedades anónimas ou de responsabilidade limitada.

O seu obxecto social é a xestión das inversións dunha ou varias entidades de capital-risco (SCR) e/ou entidades de inversión colectiva de tipo cerrado (EICC), así como o control e xestión dos seus riscos. Pode realizar outras funcións como administrar estas entidades, a súa comercialización, a xestión de inmobles, etc.

Entre as principais vantaxes do capital risco pódense destacar as seguintes:

  • Permite acceder a un tipo de financiamento difícil de obter a través doutras entidades ou ferramentas financeiras.
  • Impulsa o desenvolvemento da empresa non só mediante a achega de recursos financeiros, senón tamén con experiencia na xestión.
  • Pode achegar boa reputación á marca e ao negocio.
  • As empresas participadas vólvense máis competitivas.
  • Acelera o crecemento das empresas, mellora a súa rendibilidade e a súa capacidade para xerar beneficios.

En definitiva, o capital-risco preséntase como unha poderosa ferramenta de financiamento e impulso para empresas con alto potencial de crecemento e innovación. Esta estratexia non só proporciona os recursos financeiros necesarios, senón que tamén achega experiencia en xestión, mellora a competitividade e acelera o crecemento das empresas participadas.

Malia que implica certos riscos e a cesión temporal dunha parte do control, as vantaxes que ofrece en termos de acceso a financiamento, impulso ao desenvolvemento e mellora da reputación fan do capital-risco unha opción atractiva para moitas empresas galegas que buscan expandirse e consolidarse no mercado.

Para aquelas empresas que consideren esta vía de financiamento, é fundamental entender ben as súas características, tipos e implicacións, así como avaliar coidadosamente se se axusta ás necesidades e obxectivos específicos do seu proxecto empresarial.