Organización empresarial: 3 claves silenciosas para o éxito

Cando falamos de poñer en marcha un negocio, moitas veces pensamos primeiro nas vendas, os clientes, os produtos… pero deixamos nun segundo plano algo fundamental como é a organización. E o certo é que ter ben organizada a empresa pode ser a gran diferenza entre avanzar ou quedar atrancado. 

Non importa se tes unha tenda en liña, un centro de estética, un taller de coches ou unha academia de idiomas, sexa cal sexa o teu sector ou o tamaño da túa empresa, organizar ben o traballo é imprescindible desde o principio. 

Desde que empeza a aventura de emprender, hai algunhas preguntas que convén ter claras: 

  • Quen se encarga de cada tarefa? 
  • Que recursos teño? 
  • Como se reparte o traballo? 

Canto mellor definido estea todo isto, máis fácil será o día a día e menos sorpresas atoparás. Ademais, se todos os que forman parte da empresa teñen claro que deben facer e como facelo, os procesos serán moito máis áxiles e sinxelos. 

Que vantaxes ten unha empresa ben organizada? 

Organizar non é perder o tempo, todo o contrario: é aforrar tempo, diñeiro e problemas. Estas son algunhas das principais vantaxes: 

Resultados máis rápidos 

Cando todo o mundo sabe o que ten que facer, os obxectivos cúmprense antes e os beneficios chegan sen necesidade de investir máis recursos. 

Menos gastos 

Cunha boa organización, úsanse os recursos xustos e necesarios. Ademais, redúcense os tempos de espera, os erros e ata o consumo de enerxía. 

Proxectos que avanzan sen atrasos 

Ao planificar as tarefas e asignalas correctamente, os proxectos finalízanse máis rápido e de forma máis eficiente. 

Equipos máis motivados 

Cando as persoas teñen claro o seu papel, traballan con máis ganas. A transparencia e a boa comunicación xeran confianza e compromiso. 

Menos erros 

A desorde adoita provocar fallos polo que unha boa planificación e o uso de ferramentas que automatizan tarefas evitan moitos problemas. 

Como se consegue unha boa organización? 

Aquí van tres claves moi prácticas que podes aplicar na túa empresa: 

1. Comunicación clara 

Se non hai boa comunicación dentro da empresa, os problemas están asegurados. É importante que todos os empregados saiban que teñen que facer, cando e como. Hoxe en día hai moitas ferramentas que axudan a mellorar a comunicación interna: desde os emails ou os grupos de WhatsApp, ata aplicacións como Slack, Trello, Google Drive ou Microsoft Teams. O importante é que a información estea sempre accesible. 

2. Automatización intelixente 

Grazas á tecnoloxía, é posible automatizar moitos procesos que antes levaban moito tempo. Por exemplo, a contabilidade ou a facturación electrónica, que agora se poden xestionar de forma automática e sen intermediarios, deste modo, os equipos poden centrarse en tarefas máis importantes. 

3. Traballo en equipo 

Aínda que a empresa teña un líder, é fundamental que todos traballen como un verdadeiro equipo. Isto implica: 

  • Repartir ben as tarefas. 
  • Delegar responsabilidades. 
  • Confiar nos compañeiros. 
  • Resolver xuntos os problemas que poidan xurdir. 
  • Un bo ambiente de traballo favorece a cooperación e fai que todo funcione mellor. 

Deste modo, revisar a organización da empresa pode marcar a diferenza entre seguir medrando ou quedarse estancado. Así que se tés dúbidas contacta cos nosos profesionais da Oficina Económica de Galicia solicitando o servizo de asesoramento gratuíto