Os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS)

Os ODS, ou Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, son un conxunto de 17 metas globais adoptadas polas Nacións Unidas no ano 2015, como parte da Axenda 2030 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade para o ano 2030. 

Estes obxectivos recoñecen a interconexión das esferas social, económica e ambiental do desenvolvemento e procuran un progreso equilibrado e xusto para as xeracións presentes e futuras. 

Os ODS recoñecen que a súa consecución non é só responsabilidade dos gobernos (cambio de paradigma), senón que require a participación activa e a colaboración de todos os sectores da sociedade: gobernos, sector privado e sociedade civil. 

Cales son os obxectivos clave dos 17 ODS? 

Obxectivo 1: Poñer fin á pobreza en todas as súas formas en todo o mundo

Unha das metas deste obxectivo para 2030 é erradicar a pobreza extrema en todas as persoas do mundo, nivel de precariedade que se cuantifica naquelas que non superan 1,25 dólares de ingresos ao día.

Obxectivo 2: Poñer fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sostible

Este ODS pretende poñer remedio á fame e mellorar a alimentación no planeta mediante o desenvolvemento sostible e os investimentos necesarios en recursos agrarios e gandeiros, así como na protección dos bosques, océanos, auga e biodiversidade. Tamén procura garantir a seguridade alimentaria, mellorar a nutrición e fomentar a agricultura sostible, o que implica, entre outras medidas, favorecer os produtores locais e manter a diversidade xenética de sementes, plantas e animais.

Obxectivo 3: Garantir unha vida saudable e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades

Unha das súas metas é reducir a taxa mundial de mortalidade materna a menos de 70 por cada 100.000 nacementos vivos en 2030, mediante unha mellor asistencia nos partos, entre outras medidas sanitarias.

Obxectivo 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe ao longo da vida para todas as persoas

A educación é a base para mellorar a vida e o desenvolvemento sostible, porque o acceso á educación inclusiva e equitativa pode ofrecer á poboación local as ferramentas necesarias para procurar solucións innovadoras aos grandes problemas mundiais. De aquí a 2030, todos os nenos e nenas deberían ter acceso e completar a ensinanza primaria e secundaria.

Obxectivo 5: Lograr a igualdade de xénero e empoderar todas as mulleres e nenas

Preténdese rematar coa discriminación contra as mulleres, aplicando marcos legais e políticas de empoderamento.

Obxectivo 6: Garantir a dispoñibilidade de auga, a súa xestión sostible e o saneamento para todas as persoas

Entre as súas metas está o acceso universal e equitativo á auga potable a un prezo accesible. Non só para o consumo, senón tamén para que as poboacións dos países en desenvolvemento accedan a servizos de saneamento e hixiene adecuados.

Obxectivo 7: Garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna para todas as persoas

Este ODS subliña o acceso universal á enerxía como un desafío clave para o emprego, a seguridade e o cambio climático. As súas metas buscan ampliar o uso das enerxías renovables mediante investimentos públicos e privados, maiores niveis de financiamento e compromiso internacional.

Obxectivo 8: Promover o crecemento económico sostido, inclusivo e sostible, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as persoas

Case a metade da poboación mundial vive con arredor de dous dólares diarios e, en moitos lugares, ter un emprego non garante saír da pobreza. Os países deben revisar, baixo este ODS, as súas políticas económicas e sociais para fomentar un crecemento sostido e inclusivo que non prexudique o medio ambiente, creando emprego con condicións laborais dignas, con especial atención á mocidade.

Obxectivo 9: Construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sostible e fomentar a innovación

Este obxectivo destaca a importancia do progreso tecnolóxico para acadar metas ambientais. Sen innovación non se promove a industria e, sen industria, non hai desenvolvemento. É necesario investir en tecnoloxía avanzada para a produción manufacturadora e mellorar a telefonía móbil para promover a conectividade.

Obxectivo 10: Reducir as desigualdades dentro e entre os países

Recoméndase impulsar políticas universais para as poboacións máis desfavorecidas e marxinadas, facendo especial fincapé nas exportacións dos países en desenvolvemento ou nas innovacións que reduzan os custos das remesas dos traballadores migrantes.

Obxectivo 11: Conseguir que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sostibles

Este ODS busca mellorar a planificación e xestión urbanas para construír cidades inclusivas, seguras, resilientes e sostibles. En definitiva, cidades que ofrezan máis oportunidades, acceso á enerxía, vivenda, transporte e outros servizos básicos.

Obxectivo 12: Garantir modalidades de consumo e produción sostibles

Promóvese o uso eficiente e responsable dos recursos e da enerxía; o desenvolvemento de infraestruturas e empregos ecolóxicos para fomentar o consumo responsable, e a produción sostible que permita facer máis con menos, sen contaminar o aire, a auga ou o solo. A totalidade da cadea de subministración, do produtor ao consumidor, debe participar neste novo modelo.

Obxectivo 13: Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos

Entre as súas metas máis relevantes están incorporar a loita contra o cambio climático nas políticas nacionais, mellorar a educación ambiental e mobilizar fondos para o Fondo Verde para o Clima.

Obxectivo 14: Conservar e utilizar de xeito sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible

Procúrase que os océanos, mares e recursos mariños —fontes de vida, comercio e transporte— sexan xestionados de forma eficaz, con recursos e leis que reduzan a sobrepesca, a contaminación mariña e a acidificación dos océanos.

Obxectivo 15: Protexer, restablecer e promover o uso sostible dos ecosistemas terrestres

Fronte á perda da biodiversidade e o avance da desertificación, promóvese a xestión sostible dos bosques, a recuperación e conservación dos ecosistemas e a loita contra a deforestación, a caza furtiva e o tráfico de especies protexidas.

Obxectivo 16: Promover sociedades pacíficas e inclusivas para o desenvolvemento sostible

Este obxectivo busca garantir o acceso universal á xustiza e crear institucións eficaces, responsables e inclusivas en todos os niveis, contribuíndo así a sociedades máis equitativas e pacíficas.

Obxectivo 17: Reforzar os medios de execución e revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible

Este ODS destaca a necesidade de alianzas entre gobernos, sector privado e sociedade civil para situar as persoas e o planeta no centro, desde o nivel global ao nacional e local. 

Os obxectivos están deseñados para abordar desafíos complexos de maneira interconectada, recoñecendo que o progreso nunha área pode influír positivamente noutras. 

Queres axudar coa túa empresa ou negocio ao cumprimento dos ODS? Podes comezar por consultar este listado de boas prácticas na web do Pacto Mundial da ONU España. 

 

E se queres dar os teus primeiros pasos en relación á aplicación dos ODS, non o dubides, solicita o noso asesoramento gratuíto desde a Oficina Económica de Galicia. Aproveita os nosos servizos de asesoramento para un crecemento do teu negocio máis sostible e responsable.