Por que cada vez máis empresas apostan por almacenar enerxía?

As empresas levan anos buscando fórmulas para reducir a súa factura eléctrica. Apostar polo autoconsumo, mellorar a eficiencia enerxética ou optimizar os procesos produtivos son algunhas das medidas máis habituais. Con todo, existe unha tecnoloxía que está gañando protagonismo pola súa capacidade para multiplicar os beneficios destas estratexias, trátase do almacenamento enerxético.

Aínda que moitas persoas asocian as baterías unicamente á acumulación de enerxía, a realidade é que o almacenamento converteuse nunha ferramenta estratéxica que permite ás empresas xestionar a súa enerxía de forma máis intelixente, reducir custos e incluso acceder a novas oportunidades económicas.

Que é o almacenamento enerxético?

Basicamente consiste en gardar a enerxía dispoñible nun determinado momento para utilizala posteriormente cando sexa necesaria.

No ámbito empresarial, isto adoita realizarse mediante sistemas de baterías instalados nas propias instalacións da compañía. Estas baterías poden almacenar electricidade procedente da rede ou de fontes renovables, como unha instalación fotovoltaica, para empregala máis tarde cando resulte máis conveniente.

En esencia, funcionan como un “depósito de enerxía” que permite decidir cando consumir a electricidade.

Como pode axudar a reducir a factura eléctrica?

Un dos principais beneficios do almacenamento é a súa capacidade para aproveitar as diferenzas de prezo da electricidade.

As baterías poden cargarse durante as horas nas que a enerxía ten un custo menor e descargar esa enerxía nos momentos nos que o prezo é máis elevado. Deste xeito, a empresa reduce a súa exposición ás variacións do mercado eléctrico e consegue unha maior estabilidade nos seus custos enerxéticos.

Nun contexto marcado pola volatilidade dos prezos da electricidade, esta capacidade de planificación convértese nunha vantaxe competitiva cada vez máis relevante.

O aliado perfecto para o autoconsumo solar

Moitas empresas xa apostan pola instalación de paneis solares para reducir a súa dependencia da rede eléctrica. Porén, a produción fotovoltaica non sempre coincide cos momentos nos que existe unha maior demanda de enerxía.

Aquí é onde entra en xogo o almacenamento.

As baterías permiten gardar a enerxía solar excedentaria xerada durante o día para utilizala máis tarde, por exemplo durante as primeiras horas da mañá, á noite ou en momentos de maior consumo.

Isto aumenta significativamente o nivel de autoconsumo real da instalación e permite aproveitar mellor o investimento realizado na xeración renovable.

Máis que aforro xa é  unha nova fonte de ingresos

O que moitas empresas descoñecen é que a almacenaxe non só serve para aforrar enerxía, tamén pode converterse nun activo capaz de xerar ingresos.

O sistema eléctrico necesita manter en todo momento o equilibrio entre a enerxía que se produce e a que se consume. Para conseguilo, existen diferentes servizos nos que determinados consumidores poden participar ofrecendo flexibilidade á rede.

Un exemplo é o Servizo de Resposta Activa da Demanda (SRAD), un mecanismo mediante o cal as empresas poden comprometerse a reducir temporalmente o seu consumo cando o operador do sistema o solicite para garantir a estabilidade da rede.

A recente evolución deste servizo está a facilitar a participación de instalacións de menor tamaño mediante sistemas de agregación, abrindo novas oportunidades para moitas pemes e industrias.

Máis seguridade e continuidade operativa

Outro dos beneficios do almacenamento é a mellora da seguridade de subministración.

Dispoñer dunha reserva de enerxía propia permite facer fronte a interrupcións puntuais da rede eléctrica ou minimizar o impacto de incidencias que poidan afectar á actividade da empresa.

Para sectores nos que a continuidade operativa é crítica, esta capacidade pode marcar unha importante diferenza tanto a nivel económico como produtivo.

Non o dubides e solicita o asesoramento gratuíto dos nosos expertos da Oficina Económica de Galicia.