Validar unha idea antes de lanzala ao mercado non é só un paso estratéxico, senón unha necesidade para destacar nunha contorna onde o valor auténtico e a conexión co local poden marcar a diferenza. O prototipado rápido permítenos avanzar con intelixencia, probando, aprendendo e adaptándonos sen malgastar recursos. Para guiar este proceso, seguiremos o caso ficticio de MariscoDirecto, unha plataforma deseñada para achegar o marisco máis fresco aos restaurantes e casas rurais galegas.
Paso 1: Define a visión do produto
“Un barco que non sabe a onde vai sempre perde o rumbo.” Antes de crear algo, necesitas unha visión clara e compartida. No caso de MariscoDirecto, a visión é simple pero poderosa: “Levar o mellor marisco da ría directamente ás mesas galegas, reducindo intermediarios e garantindo frescura e calidade.”
Para definir unha visión sólida:
- Descubre quen é a túa clientela e os seus problemas reais.
- Establece que valor único ofrece a túa solución.
- Comunica a esencia da túa idea de forma clara e inspiradora.
Paso 2: Constrúe un MVP (Mínimo Produto Viable)
“O primeiro paso non ten que ser perfecto, só ten que ser real.” O MVP é unha versión básica do teu produto que che permite validar se a túa idea funciona no mundo real. Para MariscoDirecto, o MVP podería ser un grupo de WhatsApp onde mariscadores e mariscadoras comparten as súas capturas do día, os pedidos pasan pola lonxa para o seu rexistro e legalización, e os restaurantes reciben os lotes directamente coas certificacións correspondentes.
Proba, observa e pregunta:
- ¿As persoas usuarias atopan valor?
- ¿É doado de usar?
- ¿Que problemas atopan?
Este primeiro paso podería revelar, por exemplo, que o sector do marisqueiro require ferramentas máis eficientes para xestionar pedidos, mentres que os restaurantes demandan información máis estruturada, clara e detallada.
Paso 3: Evoluciona cara a un MMP (Mínimo Produto Comercializable)
“Cando o vento cambia, reaxusta as velas.” Co feedback do MVP, é hora de evolucionar cara a un produto funcional e atractivo para o mercado. Este paso require ter en conta tanto as necesidades das persoas usuarias como o cumprimento normativo para garantir a operatividade e a confianza no produto.
No caso de MariscoDirecto, o MMP (Minimum Marketable Product) inclúe unha app con seccións de ofertas diarias, reserva e pago directo e alertas automáticas.
O cumprimento normativo é clave nesta fase: a plataforma debe garantir que todos os produtos comercializados pasen pola lonxa, cumpran cos estándares de seguridade alimentaria e estean correctamente rexistrados. Ademais, é esencial que tanto as persoas mariscadoras como os restaurantes que utilicen a app dispoñan das licenzas necesarias para operar.
Este paso converte o potencial do teu produto nunha solución real e fiable, preparada para sorprender e resolver problemas reais no mercado galego, combinando tecnoloxía, funcionalidade e legalidade.
Paso 4: Itera e adáptate
“O mar é imprevisible; os teus clientes tamén.” Lembra que o lanzamento non marca o final, senón o inicio dunha conversa continua co teu mercado. No caso de MariscoDirecto, as persoas do sector marisqueiro poderían solicitar, por exemplo, funcionalidades como a predición de demanda, mentres que os restaurantes poderían solicitar filtros específicos por tipo de produto. Este feedback é clave para mellorar de forma constante, mantendo a visión orixinal pero adaptándose ás necesidades reais das persoas usuarias.
“Non hai mellor camiño cara ao éxito que un bo mapa e disposición para recalcular a ruta.” O prototipado rápido é unha carta náutica que guía as persoas emprendedoras a transformar ideas en realidades sólidas. Bota as redes, observa o que capturas e afina a túa técnica, porque con cada ciclo estarás máis preto de pescar a excelencia.
E ti, estás listo para saír a pescar? A Oficina Económica de Galicia quere ser o teu aliado. Solicita os nosos servizos gratuítos de asesoramento e descubre como podemos axudarte cubrindo o formulario.