Queres máis financiamento para a túa startup? Protexer marca e innovación pode marcar a diferenza

Conseguir financiamento segue sendo un dos grandes retos para startups e pemes, especialmente nas súas primeiras etapas. Nun mercado cada vez máis competitivo, no que as ideas abundan pero os recursos son limitados, destacar ante investidores non depende unicamente do produto ou servizo. Tamén inflúe, e moito, a capacidade da empresa para demostrar que o seu proxecto é sólido, diferencial e sostible no tempo.

Neste contexto, os activos intanxibles adquiren un papel clave. E entre eles, a marca e a patente posicionanse como dúas ferramentas estratéxicas que poden marcar a diferenza.

Un estudo conxunto da EUIPO e da EPO pon cifras a esta realidade, que se traduce en que as startups europeas que contan con marca rexistrada e patente nas súas fases iniciais son ata 10,2 veces máis propensas a conseguir financiamento que aquelas que non protexen estes activos.

O dato é contundente, pero require interpretación. Non se trata de rexistrar unha marca de forma illada nin de cumprir cun trámite administrativo. O que realmente valoran os investidores é a combinación de dous factores,por unha banda, unha identidade clara e protexida e, pola outra, unha innovación que achegue valor real e diferencial ao mercado.

A marca é moito máis que un nome ou un logotipo. É a forma na que unha empresa se presenta, se diferencia e se posiciona. Rexistrala implica garantir que esa identidade é propia e exclusiva, evitando que terceiros poidan utilizala ou xerar confusión no mercado.

A patente, pola súa banda, representa un paso máis alá. Supón protexer unha solución técnica, un desenvolvemento propio ou unha mellora innovadora. Para investidores, isto tradúcese nunha vantaxe competitiva clara, veno como que existe un coñecemento detrás que non é facilmente replicable e que pode xerar valor a medio e longo prazo.

Cando unha startup ou empresa combina ambos elementos, o seu proxecto gaña en credibilidade. Xa non se percibe só como unha boa idea, senón como unha proposta estruturada, con activos definidos e unha estratexia de crecemento máis clara. Isto reduce a incerteza, un dos factores que máis condicionan as decisións de investimento.

Para as pemes, a aprendizaxe é igualmente relevante. Aínda que non todas poden nin deben patentar, si é fundamental analizar que activos teñen e cales poden protexer. En moitos casos, a marca será o principal elemento a blindar. Noutros, poderá existir unha innovación susceptible de protección que non se está a aproveitar.

Ademais, protexer a innovación non só ten impacto no acceso ao financiamento. Tamén permite reforzar a posición no mercado, evitar conflitos legais, mellorar a reputación da empresa e aumentar o seu valor global. Son decisións que, tomadas a tempo, poden marcar unha diferenza significativa na evolución do negocio.

 

Os datos son claros, as startups que protexen a súa marca e a súa innovación son máis atractivas para os investidores e teñen máis opcións de acceder a financiamento nas súas primeiras etapas.

Nun entorno empresarial no que cada decisión conta, entender o valor dos activos intanxibles non é só unha vantaxe competitiva. É unha peza clave para construír proxectos máis sólidos, máis fiables e con maior capacidade de crecemento.

Dar o seguinte paso é máis doado con apoio especializado. A Oficina Económica de Galicia acompáñate con asesoramento personalizado e recursos gratuítos para facer medrar a túa empresa.