Queres que o teu negocio medre? A innovación pode ser a túa mellor aliada

Innovar non é só cousa de grandes empresas tecnolóxicas ou startups de Silicon Valley. Hoxe, calquera peme, autónomo ou emprendedor que queira destacar nun mercado tan cambiante como o actual necesita facer da innovación unha parte fundamental da súa estratexia.

Innovar significa mirar o negocio con outros ollos, detectar oportunidades, atopar novas formas de facer as cousas e mellorar a proposta de valor para o cliente. É, en resumo, unha ferramenta fundamental para impulsar o crecemento e desenvolver a competitividade.

Por que é tan importante innovar?

Porque os hábitos de consumo cambian, a tecnoloxía avanza a gran velocidade e os modelos de negocio que onte funcionaban hoxe poden quedar obsoletos. Apostar pola innovación permite adaptarse con rapidez a novas tendencias, diferenciarse da competencia, ofrecer produtos ou servizos con máis valor engadido, mellorar procesos e reducir custos.

Iso si, para que funcione, é clave implicar a todo o equipo (se o hai), fomentar unha cultura aberta ao cambio e ter claro cara onde se quere ir.

Como empezar a innovar na túa empresa?

Dámosche tres ideas para aplicar desde xa:

1. Observa o mercado con atención

Analiza que está a pasar no teu entorno, que están facendo outras empresas do sector e noutros sectores diferentes. Deste modo, poden detectarse tendencias, hábitos de consumo ou tecnoloxías emerxentes que podes aplicar ao teu propio negocio.

2. Escoita aos teus clientes

Son a mellor fonte de información, coñecer o que piden, o que mellorarían ou o que botan en falta é a clave xa que unha boa innovación está en cubrir unha necesidade que aínda non está resolta do todo.

3. Crea unha contorna propicia para as ideas.

Se tes un equipo, fomenta a participación de todos. Anima a compartir propostas, por pequenas que sexan, e valora as boas iniciativas. Se traballas só, reserva tempo para reflexionar, explorar e formarte.

Ideas prácticas para aplicar a innovación

Poñer en práctica diferentes accións que incremente ese nivel de innovación é relativamente fácil, como pode ser implantar ferramentas dixitais, dende software de xestión de clientes (CRM) ata plataformas que axuden coa facturación, redes sociais ou vendas en liña.

Tamén se pode incorporar criterios sostibles, unha medida que valoran cada vez máis os clientes. Así que apostar pola sustentabilidade pode ofrecer unha vantaxe competitiva e ser un motor de innovación continua.

Outra das accións que implica a innovación é crear redes e colaborar con outras pemes, provedores ou mesmo coa competencia (si, competencia!) xa que pode xerar sinerxías moi valiosas. Xuntos, podedes lanzar novos proxectos ou compartir recursos para innovar.

E non esquezas aproveitar un recurso moi importante, as axudas públicas. Así, programas como os do Igape da Xunta de Galicia, están pensados para impulsar a transformación dixital de autónomos e pequenas empresas.

A innovación non é unha moda, é unha necesidade. Pero non ten por que ser complicada nin custosa, basta con cambiar a mirada, escoitar, probar cousas novas e estar disposto a evolucionar. Con pequenos cambios podes conseguir grandes resultados.

Se necesitas axuda para comezar a innovar na túa empresa, podes solicitar o servizo gratuíto de asesoramento Oficina Económica de Galicia.