- Salienta “o potentísimo tecido empresarial” de Galicia, cunha base protagonizada polas “compañías familiares”
- A Xunta busca atraer investimentos e promover o emprendemento mediante asesoramento personalizado, a simplificación administrativa ou con acceso a solo industrial a custe cero durante oito anos
Vigo, 27 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o labor das empresas galegas que “crean riqueza por todo o mundo” sen perder “a súa identidade e orixe” e apostan por medrar e chegar a novos mercados desde a comunidade.
Durante a gala de entrega do Premio Emprendedor do Ano EY -outorgado ao presidente do Grupo Profand, Enrique García Chillón-, o titular do Goberno autonómico puxo a esta compañía coma exemplo “do potentísimo tecido empresarial” que hai en Galicia, cunha base conformada “fundamentalmente por empresas familiares”.
Nesta liña, salientou que o deber da Administración é “ofrecer estabilidade, acompañar e poñer os medios para que os que crean a riqueza, que son as empresas, podan traballar”. Entre as principais medidas postas en marcha pola Xunta para atraer investimentos e apoiar aos emprendedores está a creación de Polos de Emprendemento -con 15 oficinas activas nas que se ofrece información e asesoramento durante todo o proceso- ou da Oficina Económica de Galicia -para axilizar e centralizar os trámites para poñer en marcha un proxecto- así como facilitar solo industrial a custe cero durante os primeiros oito anos e ofrecer microformacións á carta para axustar as competencias dos traballadores ás novas demandas do tecido empresarial.
Galicia, potencia pesqueira
O Grupo Profand é unha compañía da cadea mar-industria galega, un sector fundamental para a economía da comunidade e que contribúe a que Galicia sexa unha potencia pesqueira. Cómpre resaltar que o 90% das actividades económicas da comunidade están vencelladas ao mar, máis da metade das exportacións pesqueiras de España teñen a súa orixe na comunidade galega e o sector mobiliza cada ano 9.000 millóns de euros.