Rueda inicia mañá a súa primeira viaxe oficial a China para explorar novas relacións comerciais e turísticas co país asiático

  • Destaca a oportunidade que supón para Galicia que compañías chinesas decidan investir ou abrir novas liñas de negocio na comunidade
  • O presidente e a conselleira de Economía e Industria visitarán empresas líderes en sectores da automoción e as enerxías renovables
  • “Imos facer valer que somos un lugar seguro para investir e que temos moitas vantaxes que podemos ofrecer a quen aposte por nós”, asegura
  • Tamén manterán encontros con operadores turísticos chineses para promocionar o Xacobeo 2027 e “Galicia como destino”

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, iniciará mañá a súa primeira viaxe oficial a China para explorar novas relacións comerciais e turísticas co país asiático. Tres días nos que o titular do Goberno autonómico, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manterá encontros con empresas de sectores claves como a automoción e as enerxías renovables ou con operadores turísticos chineses.

Tal e como explicou Rueda, o obxectivo desta visita é afianzar as relacións cun país “cun potencial enorme, que está medrando e ten moitísimas posibilidades” para promover novos investimentos de compañías chinesas en Galicia. O presidente defenderá a estabilidade institucional e a seguridade xurídica que ofrece a comunidade e que converte Galicia nun lugar atractivo para investir e implantar novas liñas de negocio.

Na primeira xornada, Rueda visitará o centro de I+D de SAIC Motors, empresa líder da automoción en China. Logo de percorrer o centro R&D Anting que SAIC ten en Shanghái, a delegación galega trasladarase a Pekín para manter un encontro co presidente da compañía, Xiaoqiu Wang, e outros membros da directiva.

O venres, Rueda e Lorenzana visitarán o salón do automóbil Beijing Auto Show e manterán unha reunión con representantes de Goldwind, un dos principais proveedores a nivel mundial de turbinas para a enerxía eólica. A axenda económica rematará o sábado cunha visita á fabrica de baterías que SAIC Motors ten en Zhengzhou.

“Imos tentar buscar puntos de encontro nos aspectos que máis nos interesan”, indicou, ao tempo que asegurou que “imos facer valer que somos un lugar seguro para investir e que temos moitas vantaxes que podemos ofrecer a quen aposte por nós”.

Esta viaxe encádrase nos contactos que se veñen mantendo desde a Administración autonómica galega co obxectivo de aproveitar as posibles oportunidades de cooperación entre Galicia e o país asiático.

Entre outras accións, en setembro tivo lugar en Santiago de Compostela un foro entre empresas da comunidade autónoma e de China; e en novembro responsables da consellería de Economía e Industria desprazáronse a aquel país para facilitar contactos empresariais. Neste punto, a antena en China do Igape está xogando un papel fundamental á hora de identificar oportunidades e reforzar o papel de empresas galegas.

Cómpre lembrar que, actualmente, hai 190 empresas galegas presentes en China de maneira constante e un 43% que exportan de maneira estable ao país.

Relacións turísticas

En materia turística, a Xunta leva tempo traballando para achegar Galicia a máis mercados internacionais, entre eles o país chinés. Rueda manterá unha reunión con diferentes operadores turísticos de China “para presentarlles Galicia como destino; a nosa cultura, paisaxes, patrimonio…”, facendo especial fincapé na oportunidade que supón o Camiño de Santiago para atraer novos turistas -o número de peregrinos chineses rexistra unha tendencia ascendente- e a celebración do Xacobeo 2027.